DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Clase práctica no Consello de Contas para os alumnos de Xestión e Administración Pública

Da man do conselleiro deste organismo, Xaquín Álvarez Corbacho

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Ana Terceiro DUVI 14/01/2008

Non pode existir unha mellor clase práctica para os alumnos da materia Facenda Pública Autonómica e Local da titulación de Xestión e Administración Pública, que a que se lle impartiu no propio Consello de Contas. Á volta de vacacións, os estudantes desta carreira reincorporáronse á vida académica visitando as instalacións do organismo que se encarga de fiscalizar as contas da administración pública en Galicia, co obxectivo de coñecer en persoa o seu funcionamento. Da man do profesor Xavier Labandeira, a visita transformouse nunha clase maxistral cando, o conselleiro Xaquín Álvarez Corbacho, encargado da fiscalización da conta xeral da comunidade autónoma, ofreceu unha presentación sobre as fendas fiscais nos concellos galegos.
Xavier Labandeira, que organiza desde fai sete anos esta visita ao Consello de Contas, considera que “é unha actividade de gran importancia para os alumnos porque está moi relacionada cos contidos da materia”. Ademais engadiu que “o conselleiro que visitamos é un experto sobre facenda municipal galega e o consello é unha institución fundamental para entender o funcionamento da administración pública en Galicia”.
Despois de visitar os diferentes departamentos deste organismo e asistir á presentación realizada polo conselleiro Xaquín Álvarez Corbacho, os alumnos regresaron á facultade do campus pontevedrés moi satisfeitos e esperando máis iniciativas deste tipo que complementen os contidos das materias impartidas na carreira. A continuidade no tempo desta actividade nos últimos sete anos da man do profesor Labandeira confirma o éxito da mesma na formación máis práctica dos estudantes.