DUVI

Diario da Universidade de Vigo

24 persoas participan nun obradoiro sobre esta temática na EE Forestal

Clases na aula e no monte para aprender a identificar as principais especies de cogomelos

O seu obxectivo é que coñezan as diferentes características que é preciso ter en conta 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Medio Ambiente
  • Académica
DUVI Pontevedra 16/12/2022

Aprender a recoñecer as principais especies de cogomelos comestibles e coñecer que características deben terse en conta no momento da súa identificación. Estas dúas ideas constitúen o eixo da formación que nestas semanas reciben as 24 persoas participantes no taller de identificación de cogomelos que se desenvolve na Escola de Enxeñaría Forestal. Inserido na programación de obradoiros de extensión universitaria da Vicerreitoría do campus, este taller combina a formación na aula con saídas de campo e busca non só que o alumnado aprenda a distinguir con seguridade as principais especies comestibles, senón tamén que coñeza a importancia dos fungos no ecosistema ou os aspectos legais que deben terse en conta antes de apañalos.

Impartido por Paula Caride e Adrián Melón, de MycoGalicia Plantae, xunto con Gabriel Pérez, todos eles integrantes do Laboratorio de Micoloxía da UVigo, trátase dun obradoiro aberto a toda a cidadanía que tivo que “ampliar as prazas iniciais”, como recoñece Caride, debido ao interese xerado. O seu principal obxectivo, explica, é que as e os asistentes “aprendan cales son as características nas que temos que fixarnos no momento de identificar cogomelos e recoñecer con seguridade as principais especies comestibles” o que implica ir máis aló da “cor do sombreiro, para observar tamén outras partes como o pé, o himenio, a presenza de aneis...”, así como “cheiralo e tocalo” e “observar en que tipo de hábitat aparece” ou xunto a que planta. “Todas son características moi importantes, que a maior parte dos afeccionados con poucos coñecementos non se deteñen a ver”, sinala Caride.

Un curso centrado nas principais especies comestibles

Nese obxectivo, os responsables do curso que se desenvolve desde o mes de outubro fixeron un “especial esforzo por ver en detalle os grupos principais” de cogomelos comestibles, “como os boletos, cantarelas, níscaros, trompetas, lingua de vaca, zarrota e algunha outra especie puntual”. Ao mesmo tempo, revisaron tamén “as especies non comestibles ou perigosas que poden confundirse coas especies citadas e os puntos claves da súa distinción”, xunto con outras “moi relevantes pola súa toxicidade” como a Amanita phalloides ou a Lepiota spp.

Así mesmo, coa idea de que as e os participantes adquiran “habilidade na identificación, desde cero, de calquera cogomelo”, tamén se aborda como manexar correctamente as guías de campo e outra “ferramenta moi importante”, como son “as claves dicotómicas, que os propios micólogos empregamos frecuentemente”. Isto, como explica Caride, “permítelles coñecer o proceso formal e técnico de identificación” e ser conscientes dos “erros máis comúns e que fontes empregar e como”. 

Ir máis aló das especies comestibles

Alén do traballo centrado nos Boletus, Cantharellus, Lactarius, Craeterellus ou Macrolepiota, as saídas de campo permitiron tamén aos e ás participantes observar “especies moi variadas”. Deste xeito, o obradoiro permite pór o foco noutra serie de cogomelos e achegar aos participantes unha introdución á micoloxía, na que coñezan “que son os fungos e a súa importancia no ecosistema”. 

Por outra banda, outro dos contidos deste obradoiro é a normativa galega que regula súa recollida. “Dende 2014 temos unha lexislación que regula a propiedade dos cogomelos, pero que ademais establece unha serie de normas de apaña moi importantes desde o punto de vista da conservación”, sinala Caride, que lembra, por exemplo, que esta normativa obriga a que non poidan ser apañados “antes de liberar as esporas”, á vez que prohibe que sexan cortados, xa que é preciso “sacalos enteiros” ou o emprego de “calquera ferramenta que dane o chan e, por tanto, o micelio do fungo”, á vez que limita a súa recollida a un máximo de dous quilos por persoa e día. Así mesmo, no curso tamén se trata o seu o “aproveitamento na cociña”, achegando “pequenas recomendacións” sobre a súa preparación e abordando tamén “o valor nutricional destas especies e o seu interese desde o punto de vista medicinal, algo moi en voga nos últimos anos”, sinala Caride.