DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun tempo récord puxéronse en funcionamento máis de 1600 aulas virtuais

As clases a distancia disparan as conexións diarias ao Campus Remoto e FaiTIC

“Conscientes das dificultades”, séguese traballando na mellora de todos os recursos dispoñibles

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • TIC
  • Institucional
D. Besadío DUVI 16/04/2020

O pasado 13 de marzo a crise sanitaria provocada pola expansión da COVID-19 provocou que a Universidade de Vigo puxese sobre a mesa todos os recursos dispoñibles para facilitar a continuación do curso a través da teledocencia. Nun tempo récord fortalecéronse todas as ferramentas da súa plataforma FaiTIC e lanzouse o Campus Remoto, o que supuxo crear un xemelgo dixital da propia institución. Hoxe, apenas un mes despois, hai creadas 1600 aulas nos tres campus, FaiTIC duplicou o seu promedio diario de uso –pasando das 20.000 interaccións diarias en marzo de 2019 a máis de 40.000 na actualidade- e as conexións ao Campus Remoto multiplícanse cada día, tanto no sector do alumnado como no do PDI.

“Estamos moi satisfeitos da acollida, tanto entre os profesores como entre os estudantes, polo inmenso traballo que fixeron e seguen facendo nunha situación e condicións tan adversas para todos”, explica o vicerreitor de Planificación, José Luis Míguez Tabarés, quen tamén salienta que dende o equipo de goberno son “conscientes das grandes dificultades que supón a todos eles poder levar a cabo estas tarefas” e seguen traballando en mellorar os recursos e ferramentas para que “dentro do posible” se continúe avanzando e perfeccionando todo o sistema.

Enxeñería Industrial lidera as conexións, tanto de profesorado como de alumnado

Só no período temporal do 21 ao 31 de marzo houbo máis de 50.000 conexións de alumnas e alumnos ao Campus Remoto, correspondendo preto de 35.000 ao campus de Vigo, de 9000 ao de Ourense e máis de 7000 ao de Pontevedra. Se se bota unha ollada á conexión total de estudantes por centro, a Escola de Enxeñería Industrial supera, con moita diferencia, todas as demais, acadando para este período as preto de 12.000 conexións, seguida a bastante distancia, pola Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais –con máis de 7000-, Bioloxía -2626-, Química -1681- e Ciencias do Mar -1551-.

No campus de Ourense o centro cun maior número de conexións é a Facultade de Ciencias da Educacion -2445-, seguida da de Ciencias -1843- e Enxeñería Aeronáutica -1348-. No caso de Pontevedra tamén lidera Ciencias da Educación e do Deporte -3277-, seguida de Ciencias Sociais e da Comunicación -2234-.

900 docentes utilizan a diario as aulas virtuais

En relación co uso do Campus Remoto por parte do profesorado son xa preto de 900 os docentes que utilizan a diario as aulas virtuais. Preto de 200 procedentes da Escola de Enxeñería Industrial, 80 da Facultade de Ciencias Económicas e Empresarial, 63 de EE de Telecomunicación, outros tantos da Facultade de CC Xurídicas e do Traballo... Ademais, desde o Campus Remoto xa é posible gravar clases ou vídeos formativos e polos a disposición do alumnado en FaiTIC sen sobrecargar a plataforma. As clases por facultades/escolas creáronse seguindo os criterios dos propios centros. Moitos replicaron aulas de teoría, seminarios, aulas de informática ou laboratorios e, a maiores, creáronse tamén salas de proba en todos os centros.

Na primeira semana de uso, a do 23 de marzo, as conexións de profesores achegáronse ás 4500. Apenas unhas semanas despois, na primeira de abril, unha vez se lle dá acceso o alumnado, as conexións só de estudantes superan as 40.000.

Todo o profesorado da UVIgo traballa habitualmente con FaiTIC

No caso de FaiTIC, plataforma que nacía en 2003 como sistema de xestión da teledocencia na Universidade e na que estiveron activos desde o curso 2005-2006 4192 profesores e preto de 100.000 alumnos e alumnas, as cifras de acceso duplicáronse en comparación coas de marzo de 2019, superando un promedio diario de 40.000 visitas, incluíndo tanto ao alumnado como ao profesorado. “En FaiTIC están traballando practicamente todos os profesores da Universidade como é norma habitual”, explica o vicerreitor, quen recalca que só nestes últimos días foron arredor de 1500 os que xa se conectaron.

Diferentes medidas facilitan que o curso siga... desde a casa

De cara a facilitar todo este proceso de adaptación á teledocencia, a Universidade puxo en marcha diferentes iniciativas, reunidas agora na Secretaría en liña da web da UVigo, un portal no que se inclúen diferentes manuais creados ex profeso para facilitar o teletraballo, a utilización de FaiTIC e o Campus Remoto, incluíndo diferentes videotutoriais sobre cuestións como compartir arquivos e imaxes, como crear unha canle de Youtube,etc.

De cara a resolver os problemas de conectividade de aqueles alumnos e alumnas que están a pasar o confinamento en lugares con escasa ou nula cobertura de Internet, a Universidade distribuíu esta mesma semana máis de 200 dispositivos Mifi, pequenos routers con wifi, con 100 xigas mensuais habilitados por un período de catro meses prorrogables a outros dous, facilitándolles así a estes estudantes tanto o seguimento das clases como a realización dos exames.