DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na derradeira sesión desta lexislatura debatéronse diversas propostas de modificación do documento

O Claustro avanza a definición do novo Regulamento sobre a avaliación, a cualificación e a calidade da docencia e do proceso de aprendizaxe do estudantado

Sobre a posibilidade de moderar as listaxes de correo electrónico non se tomaron decisións

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Democracia
  • Estudantado
  • Reitor
  • Institucional
M. Del Río DUVI 06/04/2022

O Claustro Universitario celebrou este mércores a derradeira sesión desta lexislatura, unha convocatoria extraordinaria con só dous puntos na orde do día para debater, por unha banda, o proxecto do Regulamento sobre a avaliación, a cualificación e a calidade da docencia e do proceso de aprendizaxe do estudantado e, por outra, a posibilidade de adoptar medidas para a moderación das listas de correo electrónico da Universidade. 
 
O reitor, Manuel Reigosa, aproveitou esta xuntanza para agradecer o papel do Claustro e de todos os seus integrantes nestes últimos catro anos, un período no que este órgano “se revitalizou, en gran medida, grazas ao voso traballo”, propiciando que houbese “algúns debates moi vivos”. Reigosa recalcou que, a pesar da perda de relevancia do Claustro dende a entrada en vigor da LOU, seguir a ser “o mellor reflexo do que acontece e do que pensa a comunidade universitaria”.

Esta sesión extraordinaria arrancou coa presentación, por parte da vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini, do proxecto do novo Regulamento sobre a avaliación, a cualificación e a calidade da docencia e do proceso de aprendizaxe do estudantado. A tramitación deste documento comezou hai un ano, coa aprobación da Composición da Comisión Redactora e, tras doce xuntanzas e a aprobación do borrador, o documento presentouse ao Claustro para debatelo e consensuar posibles modificacións antes de que o documento definitivo regresa ao Claustro despois do verán.

Unha normativa que compila lexislacións dispersas

Esta normativa compila algunhas cuestións que, ata agora, estaban recollidas en diferentes normativas, instrucións ou regulamentos da UVigo ou de normas de rango superior, pero dun xeito disperso. Segundo Caparrini, o texto foi elaborado para “desenvolver e cumprir coas esixencias legais e establecer un marco normativo único no que se recollan todos os procesos relacionados coa aprendizaxe, a avaliación e a cualificación do estudantado da Universidade de Vigo”. Polo tanto, non é unha normativa na que se modifique significativamente nada do que se facía ata agora, “tan só se establecen limites, procedementos e se clarifican algunhas cuestións interpretables para garantir un marco común aplicable a todo o estudantado da Universidade de Vigo”. 

Esta nova normativa regulará os sistemas de avaliación e análise dos resultados da aprendizaxe adquiridos polo estudantado nas titulacións oficiais de grao e de mestrado que se oferten na Universidade de Vigo, quedando excluídos os títulos interuniversitarios, os traballos TFG e TFM e as prácticas. Así, o documento ordena a elaboración das guías docentes; o proceso de aprendizaxe; a convocatoria e o desenvolvemento das probas de avaliación e as incidencias que poidan presentarse durante estas; as cualificacións e os procedementos de comunicación de resultados e a publicación de actas; o procedemento de revisión das cualificacións con plena garantía dos dereitos do estudantado e os mecanismos que garantan a mellora da calidade académica da aprendizaxe.

Así, entre outros temas, regula, a asistencia ás clases e as prácticas, as metodoloxías de avaliación continua e de avaliación global, a duración máxima dunha proba, a condición de non presentado, os sistemas de cualificación ou o período para comunicar as cualificacións, entre outros temas. O máis innovador, destaca Caparrini, “é que se incorporou un título, o VII, sobre o uso de medios ilícitos por parte do estudantado no proceso de avaliación”, unha temática sobre a “non existía nada na normativa previa”. Así, o novo texto inclúe un código ético que o alumando acepta ao matricularse, define o que se considera como plaxio e realización fraudulenta de probas e estipula que “a actuación fraudulenta en calquera proba de avaliación implicará a cualificación de cero (suspenso)”, destacando que esta cualificación deberá basearse na constancia indubitada de fraude e nunca na sospeita non confirmada do uso de medios ilícitos”. 

Precisamente este foi un dos temas que suscitou debate na sesión do Claustro, ao non quedar claro en que consistiría esa confirmación. Por exemplo, a profesora da Facultade de Filoloxía e Tradución Rosa Pérez, referiuse ao artigo 42.2, que recolle que para suspender un estudante polo uso de medios ilícitos nas probas, “no caso de probas presenciais, estes medios deberán detectarse durante a súa realización”. Isto implicaría, recalaba a docente, que no caso de detectar dous exames copiados, coas respostas exactamente iguais, ao non ser detectado o fraude no intre da proba, non se podería actuar, polo que reclamaba modificar o artigo.

Tamén as metodoloxías de avaliación foron obxecto de debate, en concreto o artigo 19.3, que recolle o dereito do alumnado a elixir o tipo de metodoloxía coa que será avaliado dentro de cada materia (continua ou global). Neste sentido, tanto Rosa Pérez, como o profesor Iván Area e o representante do alumnado Pedro Carro, expuxeron diferentes puntos de vista en relación á posibilidade de que, coa redacción actual do artigo, as probas de avaliación continua e global puidesen coincidir no tempo.

Precisamente, Carro expuxo tamén a necesidade de adiar o debate e aprobación deste novo regulamente ata o próximo curso. A intención do equipo de goberno era abrir un período de 30 días para presentar alegacións e aprobar do documento definitivo na segunda sesión do novo Claustro (a primeira será a constituínte). En opinión do alumnado, isto sería prexudicial para o seu colectivo, xa que a inmensa maioría dos representantes dos estudantes non seguirán na nova lexislatura. O reitor acordou que, tendo en conta esta situación, o prazo de alegacións seguirá aberto ata finais de setembro e o documento volverá a ser debatido no Claustro en outubro ou novembro, dando tempo aos novos representantes do alumnado a coñecer o documento, facer propostas e participar no proceso de forma activa.

Outros aspectos do texto, como o prazo para presentar as cualificacións, a composición dos tribunais de avaliación do alumnado que presenta reclamacións, o peso dos exames na avaliación continua ou a posibilidade de facer probas sorpresa, tamén foron debatidos ao longo da sesión. 

As listaxes de correo de comunidade, sen cambios

O outro tema da orde do día era o debate, e posible toma de decisións, respecto da moderación das listaxes de correo electrónico da UVigo. Abordar este tema, explicaba o reitor, era un compromiso que adquiriu con varios membros da comunidade universitaria que solicitaron a mellora dos procesos de moderación “para evitar que puidesen coarse correos de odio, machistas, racistas ou inaceptables dalgún xeito”.

O reitor explicou que existen dous modelos nas universidades españolas, algunhas contan cunha moderación real, que evita este tipo de contidos, pero implica a perda de inmediatez, mentres que outras, como a de Vigo, non moderan os contidos, tan só a entrada de novos membros. A título persoal, neste debate entre os límites entre liberdade de expresión e as inxurias, Reigosa amosouse partidario da liberdade de expresión, “un dos bens máis prezados do sistema democrático” e recalcou que “ás veces paga a pena correr o risco de mensaxes lesivas, contra as que se poden tomar medidas, antes que danar a liberdade expresión”.

Finalmente, neste debate tan só interveu a profesora da Facultade de Historia, Susana Reboreda, que destacou a necesidade de ordenar todas as listas de correo que existen na UVigo e tratar de que as mensaxes se adapten a cada unha delas segundo a temática (PDI, PAS, I+D, comunidade, avisos...), compromiso que fixo seu o reitor, sen tomar ningunha decisión que poña en risco a liberdade de expresión da comunidade universitaria.