DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O reitor anunciou cambios de denominacións para os edificios de Reitoría e Xerencia

O Claustro comeza unha nova etapa debatendo sobre a promoción do PDI e os regulamentos dos TFG e TFM

A comunidade universitaria presentou as súas suxestións para as futuras negociacións nestes eidos

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Reitor
  • Institucional
DUVI 18/07/2018

Revitalizar o Claustro, debater nel temas prioritarios para a comunidade universitaria e incrementar a súa frecuencia era unha das propostas centrais do novo equipo de goberno durante a campaña electoral. A primeira sesión ordinaria desta nova etapa foi mostra disto, xa que catro dos puntos da orde do día presentaban un debate e intercambio de ideas sobre temas tan relevantes como a futura modificación dos regulamentos do TFG e TFM e os criterios para a promoción do PDI e para a elaboración das ofertas de emprego público de PDI. Foi unha xuntanza de intercambio de pareceres, xa que como explicaba o reitor, Manuel Reigosa, ao inicio da sesión, “queremos pulsar as opinións dos distintos colectivos, porque pensamos que é bo que o Claustro teña un debate previo á negociación das propostas”. 

Cambios nas avaliacións dos TFG e TFM

O primeiros dos temas abordados foi a proposta de modificación do regulamento para a realización do TFG e TFM, que trata de dar resposta á elevada carga de traballo que soportan os membros dos tribunais de avaliación. Para iso presentouse un documento base “totalmente aberto” que recolle a posibilidade de que o estudante elixa defender o seu TFG ou TFM ante un tribunal colexiado, como se viña facendo ata agora, ou ante un tribunal unipersoal, que pode ser o propio titor. Nesta nova modalidade, o alumnado non poderá aspirar á nota máxima, senón “en principio a un 7 (6 no caso das profesións reguladas)”, como explicaba o vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado, Manuel Ramos, que puntualizaba que estes límites son negociables. A proposta recibiu numerosas suxestións, centradas principalmente en subliñar que se trata dun problema de recoñecemento da carga de traballo extra que supón a avaliación, e que esta modificación non soluciona. Algunhas intervencións dos membros do Claustro cuestionaron a nota máxima á que pode optar o alumnado, mentres que outras demandaba que fosen os centros os que elixisen unha ou outra vía. O reitor agradeceu todas as propostas, que agora serán avaliadas para elaborar unha nova proposta que continuará o proceso de debate e negociación.

Debate sobre a promoción do PDI

Tamén se debateron os criterios e procedemento para a promoción do PDI en resposta a un “contexto lexislativo cambiante que xera unha situación de inseguridade no colectivo de profesorado” no que atinxe ás súas expectativas de estabilización, promoción e funcionarización. A finalidade é establecer un marco normativo claro e estable no tempo para que a promoción do profesorado sexa entendida como un dereito esencial de carácter individual, prevalecendo o mérito fronte a situacións estruturais, como o estado dos cadros de persoal das áreas de coñecemento. O reitor explicou que este é un “cambio de criterio para que a meirande parte das promocións vaian por orde da data acreditación con independencia da área de coñecemento á que pertenza e teña esta moitos ou poucos docentes catedráticos ou titulares”. Segundo adiantou o reitor, estas políticas permitirán baleirar a bolsa de acreditados a catedráticos nos próximos tres anos. Este foi un dos puntos polémicos do debate, xa que algúns dos claustrais demandaban ter en conta “non só as necesidades das persoas, senón tamén de institución, para evitar desigualdades e desequilibrios” entre áreas ou departamentos, como sinalaba Rosa Pérez, profesora de Filoloxía e Tradución. Outro foco de debate foi o efecto que tería este criterio de antigüidade sobre o persoal docente e investigador novo. 

Por outra banda, un máximo do 20% das prazas reservarase para poder “facer política universitaria, contratando, por exemplo, investigadores de alto nivel”, explicaba Reigosa. Sobre este aspecto, os claustrais demandaron “transparencia total”, porque pode ser “un vía potencial para a arbitrariedade”. Neste sentido, o reitor asumiu a demanda como súa e comprometeuse a darlle a máxima publicidade a estes procesos.

Neste punto tomou tamén a palabra Emilio Fernández, como líder da oposición, que agradeceu o talante dialogante do equipo de goberno para debater temas deste calado, pero sinalou que son cuestións que requiren un “estudo sereno, sosegado e profundo”, sen os riscos da “presa e a urxencia, para temas tan importantes como é a política de profesorado da Universidade”. Neste sentido, avogou por facer unha aproximación integral partindo dun estudo sobre a situación actual do PDI na institución académica, para poder identificar os desequilibrios en centros e ámbitos. En resposta, Reigosa recoñeceu que posiblemente este debate “sexa precipitado”, pero sinalou que é unha cuestión urxente para poder cumprir os prazos que permitan elaborar a Oferta de Emprego Público do próximo ano, que debe ser aprobada polo Ministerio antes de 2019. Segundo o vicerreitor Ramos, nesta OPE “cremos que imos poder sacar 31 prazas, que se son de titular, xerarán 31 cátedras adicionais”. Reigosa adiantou tamén que a taxa de reposición se situará previsiblemente no 108%, “o cal é un alivio” pero recoñeceu que ao longo dos catro anos de mandato “será difícil ter o cadro de PDI e PAS que queremos, porque aínda estamos saíndo dunha época de crise e temos moitas limitacións impostas”.

Promoción do profesorado asociado

Outro dos temas debatidos nesta sesión claustral foron os criterios e procedemento para a promoción do profesorado asociado. O reitor defendeu a creación dun “mecanismo de estabilización mediante figuras de Profesor Axudante Doutor do profesorado que durante os últimos anos ocupara con desempeño positivo
prazas de Profesor Asociado ligadas a necesidades docentes estruturais, e que dispón da acreditación necesaria”. Para isto, a Universidade realizará anualmente unha convocatoria de prazas de Profesor Axudante Doutor para a estabilización e promoción de Profesores Asociados. Na quenda de intervencións, varios claustrais felicitaron ao equipo reitoral por esta proposta para estabilizar esta figura “porque non se pode poñer en dúbida este dereito”, como sinalaban “que ademais vai redundar na calidade docente”. 

Novas denominacións para Reitoría e Xerencia, no informe do reitor

O Claustro deste mércores abriuse co informe no reitor, no que deu conta da decisión do novo equipo de goberno de cambiar o nome dos tres edificios administrativos do campus de Vigo: Reitoría, Xerencia e anexo á Xerencia. “Pensamos que sería bo que estes tres edificios, e probablemente no futuro algún outro tamén, teñan un nome propio, independente dos usos que se lle dean en cada momento”, explicou Manuel Reigosa, que fixo fincapé en que os novos nomes someteranse á consulta da comunidade universitaria. O reitor ratificou tamén que se iniciaron xa as negociacións coa Xunta de Galicia para tratar diferentes cuestións relativas ao persoal da Universidade de Vigo, “a nosa prioridade fronte a outro tipo de necesidades”.  Enriba da mesa están, segundo explicou, cuestións como o pago da paga extra do PDI ou a estabilización dos investigadores e investigadoras posdoc, e máis a longo prazo, a necesidade dun edificio para Enxeñaría Aeroespacial. Reigosa tamén adiantou que o proceso negociador esténdese ao Concello de Vigo, con quen se está a negociar a posible exención do IBI. “Penso que as cousas van por bo camiño e agardamos poder dar en pouco tempo algunha boa nova sobre este tema”, subliñou.

O reitor tampouco obviou no seu informe “cuestións delicadas” como o caso do profesor da Universidade de California en Irvine e doutor honoris causa da Universidade de Vigo Francisco Ayala acusado de abuso sexual. “As once universidades públicas españolas que lle temos concedido a distinción de doutor honoris causa estamos á espera da información que se nos remita desde a súa universidade e, en función disto, tomaremos unha decisión conxunta”. Reigosa engadiu que, “se ben non quero prexulgar o que pasou co profesor Ayala, desde a nosa institución haberá tolerancia cero cos temas de acoso sexual”.

Con respecto aos cambios establecidos polo Goberno nos requisitos de acceso ás bolsas do alumnado universitario, o reitor manifestouse “totalmente de acordo” coas medidas adoptadas polo goberno de Pedro Sánchez que baixan a nota mínima esixida de 5,5 a 5 e suben a contía 100 euros mensuais. “As medidas de equidade van por unha banda e as de excelencia van por outro e, neste senso, eu penso que é unha boa medida”, recalcou o reitor.

Racionalización do calendario e informe de transparencia

A orde do día desta sesión do Claustro completouse coa creación dunha comisión para a racionalización do calendario académico e das comisións de traballo para a definición dos procesos de xestión. A sesión completouse coa presentación do informe sobre a transparencia recolle o grao de cumprimento das obrigas de publicidade activa, así como as estatísticas relativas ao dereito de acceso á información pública e os datos sobre a información máis consultada no Portal de Transparencia e os datos abertos.