Elixiranse os membros do Consello de Goberno e de varias comisións
O Claustro Universitario celebrará a súa sesión constituínte o vindeiro día 13
O máximo órgano de representación e control da Universidade, o Claustro, celebrará o vindeiro luns día 13 a súa sesión constituínte, na que se elixirán os membros do Consello de Goberno designados por este órgano así como a composición de varias comisións.
O Claustro desta nova lexislatura, liderada pola reitora Carmen García Mateo, estará composto por 245 membros, 220 elixidos nas eleccións celebradas o pasado 6 de maio, xunto con outros 25 membros natos, entre eles a reitora, a secretaria xeral, a xerenta e os decanos e decanas e directores e directoras das facultades e de escolas. Quedan vacantes, segundo os resultados electorais de maio, 31 prazas: 27 no sector PDI-A, profesorado doutor con vinculación permanente, e 4 no de estudantes.
Sesión constituínte
Esta primeira sesión do Claustro, de carácter extraordinario, arrancará coa constitución da Mesa de Idade, da cal formarán parte a reitora, a secretaria xeral e dous representantes por cada un dos sectores do Claustro, que serán o de maior e de menor idade en cada sector e que se encargarán de moderar a sesión na que se elixirá a Mesa do Claustro.
Unha vez conformada a Mesa do Claustro, a orde do día continuará coa elección dos membros do Consello de Goberno e tamén dos membros de diferentes órganos, como a Comisión Electoral, a Comisión para o estudo da adaptación estatutaria á LOSU; a Comisión de Reclamacións; os membros dos Consellos de Campus de Ourense e Pontevedra; da Comisión asesora da Valedoría Universitaria e da Presidencia do Consello de Estudantes da Universidade de Vigo (CEUVI).
Composición do novo Claustro
Do total de 220 membros do Claustro elixidos nas urnas, 101 son representantes do sector PDI-A ; 22 correspóndense ao resto do persoal docente e investigador, PDI-B; 59 son estudantes e 38 representan ao persoal técnico de administración e servizos, PTXAS. No caso do sector PDI-A, 73 foron elixidas nas eleccións do mes de maio e outras 28 son de centros nos que non foi necesario celebrar eleccións ao haber igual ou menor número de candidaturas que de postos elixibles; algo que tamén aconteceu no sector estudantes, onde se elixiron en urna 42 representantes, mentres que para outros 17 postos -correspondentes a 11 centros- non foi preciso votacións, quedando tres centros sen ningún representante do alumnado no Claustro ao non presentarse ningunha candidatura.
No caso dos sectores PDI-B e PTXAS ocuparán o 100% das prazas que lle corresponden no Claustro. No sector do profesorado con vinculación non permanente presentáronse 60 candidaturas para 22 prazas, e no do PTXAS 90 candidaturas para 38 prazas.
