O programa evolucionou cara un modelo baseado en catro microcredenciais
Clausurada a 2ª edición do Curso de Experto en Desenvolvemento de Dispositivos de Fotónica Integrada
Culminou coa entrega ao alumnado dos chips que eles mesmos deseñaron
Unha vintena de estudantes completaron recentemente a 2ª edición do Curso de Experto en Desenvolvemento de Dispositivos de Fotónica Integrada, xestionado academicamente a través do Centro de Posgrao e Formación Permanente da UVigo e desenvolvido ao abeiro da Cátedra NextChip. Marcado pola transformación do programa formativo cara un modelo baseado en catro microcredenciais independentes que abranguen distintas áreas clave da fotónica, o novo formato permitiu ofrecer unha formación máis flexible e especializada, aliñada coas iniciativas europeas de aprendizaxe permanente e orientada a facilitar a adquisición progresiva de competencias avanzadas no sector.
O programa combinou formación teórica e práctica, achegando ás persoas participantes as metodoloxías e procesos utilizados na actualidade pola industria internacional, unha aproximación aplicada que permitiu ao alumnado participar en todas as etapas do desenvolvemento dun circuíto fotónico integrado. A formación, que contou con financiamento da Secretaria de Estado de Telecomunicaciones e Infraestruturas Digitales del Ministerio para la Transformación Digital y de la Función Pública, cofinanciada pola UE a través do Mecanismo de Recuperación y Resiliencia (MRR), forma parte da convocatoria de axudas para a creación de Cátedras Chip destinadas a impulsar a investigación, transferencia de coñecemento e formación especializada en microeléctronica e semiconductores.
Entrega dos chips deseñados polo alumnado
No acto de clausura curso, o estudantado recibiu os chips que eles e elas mesmos deseñaron e que se fabricaron a través dunha fábrica de semicondutores (foundry) especializada, completando así o ciclo que vai desde o deseño inicial, ata a obtención do dispositivo físico.
Na entrega dos chips, o docente titular e investigador da UVigo e responsable da Cátedra e CEO de Sparc Foundry, Francisco Díaz Otero, destacou o valor de achegar o alumnado a procesos reais de deseño e fabricación de dispositivos fotónicos avanzados. “A posibilidade de recibir e avaliar un chip desenvolvido a partir dos seus propios deseños constitúe un dos elementos diferenciais desta formación e dunha experiencia pouco habitual incluso en programa especializados de posgrao”, destaca Díaz.
Pola súa banda, o xerente de Gradiant, Fernando Jiménez Míguez, que ofreceu a derradeira sesión lectiva do programa, compartiu co alumnado a súa visión sobre a evolución do sector tecnolóxico e os retos asociados ao desenvolvemento e transferencia de tecnoloxías avanzadas, ao tempo que achegou unha perspectiva empresarial sobre as oportunidades que ofrece a industria da fotónica e os semicondutores.
