DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Promovido por alumnado do centro, desenvolve reunións semanais a través da rede

O club de escritura de Belas Artes continúa a súa andaina de xeito virtual

A situación sanitaria paralizou por agora outras actividades, como o club de baile

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 09/11/2020

Como un espazo de reunión para compartir textos, recursos ou ferramentas naceu en 2017 na Belas Artes, da man dos estudantes Luna Vicente Warren e Ramón Torres, un club de escritura que, neste curso marcado pola covid-19, mantén a súa actividade de forma virtual. “O importante era seguir compartindo esa paixón que moitos temos e que realmente se fomenta pouco, como é a escritura creativa”, salienta Vicente, coordinadora dunha actividade que, dada a situación sanitaria, decidiu este curso trasladar á rede social Discord as reunións semanais que ata o de agora desenvolvía na facultade. Coa participación de preto de 15 estudantes e aberto a aqueles e aquelas que queiran incorporarse, a través do enderezo electrónico bbaaescribe@gmail,com, esta iniciativa busca tanto achegar aos e ás participantes diferentes recursos como “compartir experiencias e relatos”, apunta Vicente.

Impulsado hai tres anos, xunto con outra serie de clubs promovidos polo o alumnado como o de cómic, esta iniciativa naceu, explica Vicente, “como un lugar de reunión” no que as e os estudantes “con interese pola escritura e gañas de contar as súas propias historias podíamos compartir o que escribíamos e comentar os escritos dos demais”. Mais, co paso do tempo as xuntanzas que desenvolvían semanalmente sumaron a esa “reunión informal que nos permitía exercer un pouco como lectores cero” dos textos dos diferentes integrantes, outra serie de actividades. Así, explica a súa coordinadora, nunha primeira parte, a xuntanza puña o foco “en técnicas de escritura que podían ser interesantes ou en diferentes recursos dispoñibles na rede, como páxinas para xerar nomes, mapas ou fichas de personaxes ou programas para maquetar textos”, para logo xa, nun segundo bloque, levar a cabo “exercicios de creación de relatos curtos ou de relatos encadeados para interactuar. uns cos outros”.

Esta idea, engade Vicente, mantense no presente curso nas xuntanzas que, desde o pasado mes, desenvolven de xeito virtual cada domingo. “Actualmente seguimos un pouco ese camiño de compartir coñecementos, recursos, libros para aprender e material que poida resultar útil á hora de mellorar tanto a escritura creativa, que é algo que se obvia totalmente na facultade, como simplemente a expresión tanto escrita como oral”, salienta Vicente. Nese senso, sinala que as persoas interesadas poden sumarse ao club “ao longo de todo o curso”, tendo en conta ademais que “todo o que vamos vendo nas diferentes reunións, vai quedar por escrito no servidor”, incidindo á súa vez na posibilidade que este paso á virtualidade achega á hora de abrir esta iniciativa a persoas alleas á facultade.

O baile, á espera

Outro dos clubs impulsados nos últimos anos polo alumnado de Belas Artes ten como eixo o baile, unha iniciativa que neste curso marcado pola covid-19 mantense tamén aberta á incorporación de novos e novas participantes, pero que polo de agora non puido retomar a súa actividade. “Do que se trata neste club é de desconectar do que nos rodea e de pasar un bo rato”, sinala a súa responsable, Porfi López, que explica que se trata dunha actividade na que, “dentro do que sabemos, aprendemos un pouco de cada un de nós, enfocándonos nas preferencias de cada un”. Nas reunións semanais que celebraban ante da crise sanitaria na facultade había nese senso espazo para “diferentes estilos de baile”, así como para preparar “unha coreografía para actuar na festa do patrón da facultade”, que finalmente non foi posible levar a cabo. Con preto de 15 inscritos na actualidade, o club atópase a día de hoxe “paralizado, pero coa idea de continuar cando a situación o permita” e coas adaptacións que require a situación sanitaria, explica López.