DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita celebrouse esta fin de semana en Ourense

O Club Escualos Campus da Auga acada o sexto posto no Campionato Galego de Verán de Natación Máster

Os seus nadadores e nadadoras conseguiron 70 medallas

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Saúde
  • Deportes
DUVI Ourense 10/06/2019

O Club Natación Escualos Campus da Auga participou con éxito esta fin de semana no Campionato Galego de Verán de Natación Máster, celebrado na piscina Rosario Dueñas de Ourense. O equipo destaca os “resultados incribles” acadados, que foron “máis de 70 medallas, un récord galego, o quinto posto do equipo masculino, o quinto posto do equipo feminino e o sexto posto na clasificación total”.

Na cita, na que participaron 26 equipos, competiron 31 nadadores e nadadoras do Club Natación Escualos Campus da Auga. “Estar pelexando con Pavillón Ourense, Rías Baixas, Travesas, Portamiña ou Ponteareas é impresionante”, afirman desde Escualos, indicando como no campionato celebrado competiron “ata o último momento, pero o empuxe final dos clubes con máis historia impúxose ante a nosa xuventude”.

Tras esta competición, o club do Campus da Auga salienta como “esta foi a mellor tempada da nosa curta vida como equipo de competición de natación máster”, xa que, indican desde o equipo, aos resultados acadados esta fin de semana hai que sumar o sétimo posto no Campionato Galego de Inverno e o cuarto na Liga Galega Máster. “A incorporación de novos nadadores esta tempada así como o apoio do Campus da Auga foi fundamental para o equipo”, subliñan.

Próxima cita, Os Peares

A seguinte cita para o Club de Natación Escualos Campus da Auga é o V Encoro Os Peares. Travesía a Nado, que se celebrará o 16 de xuño nos Peares baixo a súa organización. A cita, o único evento de augas abertas como tal que hai na provincia de Ourense, constará de tres probas: unha infantil, de 200 metros; unha corta, o Trofeo Campus da Auga, de 1200 metros, que será unha volta ao circuíto, e unha longa, Trofeo Os Peares, de 3600 metros, que puntúa no circuíto de augas abertas.