DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita celebrouse na piscina Rosario Dueñas de Ourense

O Club Natación Escualos Campus Auga, cuarto no Campionato Galego de Natación Máster

Acadaron oito récords galegos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Ourense 06/06/2023

O Club Natación Escualos Campus Auga conseguiu esta fin de semana o cuarto posto no Campionato Galego de Natación Máster de Verán celebrado na piscina Rosario Dueñas en Ourense. “O bote de medallas para os nosos nadadores foi espectacular, con máis dun centenar de metais. No apartado de récords seguimos batendo marcas a nivel galego e facendo historia na natación máster galega conseguindo oito récords galegos”, sinalan desde o equipo.

Da competición celebrada o club destaca que “con 33 nadadores conseguimos o cuarto posto e un total de 1273 puntos, sendo o CN Ponteareas o gañador con 1588 puntos. Este campionato foi o máis igualado en moitos anos con seis equipos por riba dos 1000 puntos”. O equipo masculino de Escualos Campus Auga, detallan, acadou por terceira vez consecutiva o subcampionato e o femenino un "meritorio cuarto posto", con 12 nadadoras. Os récords galegos acadados, sinalan, son os de Santiago Núñez (en 50 libre, 100 libre e 50 costas +60); Jesús Carlos Quintas (400 libre +50), Hugo Nogueira (50 braza +45), Josué Pazos (200 braza +35), relevo 4x50 estilos masculino +200 e relevo 4x50 libre masculino +200.