DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Será do 7 ao 13 de marzo nos centros BeOne de As Lagoas e Eiroás e Bouso Intersport

O Club Natación Escualos Campus Auga organiza unha Semana Solidaria contra o Cancro

Na piscina do campus desenvolveranse diferentes actividades participativas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Ourense 04/03/2022

O Club Natación Escualos Campus Auga organiza desde o luns 7 e ata o domingo 13 de marzo unha Semana Solidaria contra o Cancro co obxectivo de recadar fondos a favor da Asociación Española contra o Cancro en Ourense. O equipo convida a todas as persoas interesadas a unirse a esta campaña con doazóns nos centros BeOne de As Lagoas e Eiroás e en Bouso Intersport. “No noso Adn ademais do deporte levamos a solidariedade por bandeira, deste xeito todos os anos contribuímos coa sociedade organizando ou recadando fondos”, sinalan desde o club.

Retomar a actividade

A Semana Solidaria contra o Cancro foi presentada este venres no campus de Ourense. No acto, Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense, agradeceu e felicitou ás entidades organizadoras e patrocinadoras por esta iniciativa, poñendo en valor o traballo solidario do Club Natación Escualos Campus Auga e a súa aposta pola vida activa e saudable. Igualmente, destacou “o labor imprescindible que axuda a moitas persoas que pasan días difíciles” da Asociación Española Contra o Cancro de Ourense. Germán Rodríguez-Saa, presidente da Asociación Española Contra o Cancro en Ourense, sumouse a este agradecemento a Escualos e ás entidades participantes e destacou que, tras a pandemia, “estamos ávidos de facer cousas” e “sobre todo cousas se son tan interesantes como esta, que ten como fío condutor o deporte”. O presidente da AECC salientou que na loita contra o cancro “estamos para sumar” con iniciativas coma a presentada este venres.

Pola súa banda, Susana Reboreda, presidenta do Club Natación Escualos Campus Auga, subliñou que este equipo é “moi heteroxéneo”, formado por persoas que “temos idades distintas, profesións distintas, pero que nos une a auga”. No club, salientou, ademais de nadar, “tratamos de facer moitas actividades”, entre elas actividades solidarias. Nesta liña, a Semana Solidaria contra o Cancro, apuntou, foi unha das actividades que se tivo que suspender pola pandemia pero que, indicou, agora se recupera como “síntoma de que xa estamos pasando páxina, na medida do posible, da época que vivimos”. Nesta edición da Semana Solidaria contra o Cancro, detallou a presidenta do club, colaboran BeOne, Aceites Abril, a Vicerreitoría do Campus de Ourense, Bouso Intersport e a Asociación Española Contra o Cancro Ourense.

Diferentes posibilidades de colaborar

En representación do club organizador, Joaquín Padín foi o encargado de explicar as actividades relacionadas coa natación que se desenvolverán ao longo da semana. Por unha banda, do 7 ao 13 de marzo estarán colocadas urnas da AECC para a recollida de donativos económicos en BeOne As Lagoas e Beone Eiroás e tamén en Bouso Intersport. Por outra banda, desenvolverase un programa de actividades abertas na piscina do campus universitario, na piscina de BeOne As Lagoas. Estas actividades convidan ás e aos usuarios do centro e ás persoas interesada a participar nunha rúa de natación solidaria (na que calquera persoa pode nadar os metros que desexe e facer unha doazón final segundo os metros nadados) ou nunha pirámide de natación solidaria en 45 minutos (na que pagará unha inscrición). Por último, o sábado 12 de marzo terá lugar nesta piscina un Festival de Natación Solidario contra o Cancro, con competición en catro probas individuais e unha de relevos, ás 16.00 h. As e os participantes recibirán obsequios e agasallos ao remate do festival.