DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha xornada celebrada este xoves no Edifico de Ferro

O Clúster Alimentario de Galicia busca sinerxías de colaboración cos grupos de investigación do campus

A entidade presentou os retos do sector en I+D+i e sustentabilidade

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI Ourense 30/01/2020

Co obxectivo último de fomentar as sinerxías de colaboración entre as empresas e os grupos de investigación con potencial no eido agroalimentario do campus de Ourense, este xoves o Edificio de Ferro acolleu a celebración da II Xornada O Clúster Alimentario de Galicia e os retos estratéxicos do sector: I+D+i e sustentabilidade. A cita, que se repetirá o día 6 de febreiro no campus de Vigo, achegou ao persoal investigador as necesidades do sector e permitiu aos grupos de investigación explicar as súas liñas de traballo neste eido.

A actividade estivo organizada polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) coa colaboración da Vicerreitoría de Transferencia da Universidade de Vigo e o Clúster de Investigación e Transferencia Agroalimentaria do Campus da Auga. Na súa inauguración, Esther de Blas, vicerreitora do Campus de Ourense, agradeceu a iniciativa de Clusaga de achegarse a coñecer o potencial académico e investigador do campus no eido agroalimentario. A xornada, engadiu, supón “unha extraordinaria oportunidade de colaboración entre a universidade e a empresa, na que xa veñen traballando desde hai tempo moitos dos nosos investigadores”.

Prioridades estratéxicas

Noelia Dosil e Patricia Fraga, xestoras de proxectos de innovación de Clusaga, foron as encargadas de presentar o clúster e Miguel Tubío, director técnico da Bodega Martín Códax, e Sergio Martínez, responsable de I+D+i de Innolact, explicaron os retos concretos da súa Comisión de Innovación e I+D. “A idea de sesión é presentar o Clúster Alimentario de Galicia, cales son as súas prioridades estratéxicas para os próximos meses e anos tendo en conta que o seu plan estratéxico finaliza a finais deste 2020”, comentou Noelia Dosil. Lembrando como o sector alimentario é un dos sectores estratéxicos en Galicia tanto pola súa dimensión como pola súa transcendencia económica e social, o Clúster Alimentario de Galicia foi presentado polas súas xestoras de proxectos de innovación como unha estrutura organizada do sector alimentario galego que integra empresas, entidades de investigación e innovación e outras organizacións en procesos de cooperación e colaboración. Neste contexto, durante a sesión celebrada no campus de Ourense, os membros do Clúster Alimentario de Galicia detivéronse nas súas presentacións en dúas das súas comisións de traballo, a de Innovación e I+D e a de Sustentabilidade e Economía Circular.

A Comisión de Innovación e I+D, indicaron desde Clusaga, ten como obxectivo acadar “maior  intercambio e interacción entre empresas, centros tecnolóxicos e universidades, consolidando así  grupos de traballo arredor de temáticas relevantes para o sector alimentario”, como son a innovación en alimentos e ingredientes innovadores, seguros e saudables adaptados ás tendencias de consumo; novos modelos de produción e comercialización; innovación en procesos e tecnoloxías; dixitalización e bioeconomía; loxística e distribución e packaging innovador sustentable adaptado ás tendencias de consumo. Ademais, indicouse na xornada celebrada no campus de Ourense, a entidade conta cunha Comisión de Sustentabilidade e Economía Circular, “creada a demanda dos socios e da sociedade”, que busca o reforzamento das cuestións relacionadas coa sustentabilidade ambiental, cunha mención especial á bioeconomía e á economía circular.

Finalmente a xornada rematou cunha segunda parte na que arredor dunha ducia de grupos de investigación do campus, concretamente de Ciencias, Enxeñaría Informática e Ciencias Empresariais e Turismo, presentaron eixos do seu traballo que consideran poden ser obxecto de colaboración potencial coa industria agroalimentaria.