DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A súa xunta directiva reuniuse este mércores no Edificio de Ferro

O Clúster Alimentario de Galicia fai no campus balance da súa actividade

A Universidade de Vigo é unha das entidades que participa neste órgano

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Universidade e empresa
  • Visitas
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI Ourense 22/05/2019

O campus de Ourense foi o escenario escollido este mércores para a última reunión da xunta directiva do Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), órgano no que participa a Universidade de Vigo. A sesión tivo como obxectivo facer balance e dar continuidade á actividade do clúster, que abrangue ao sector alimentario galego no seu conxunto e integra a empresas, entidades de investigación e innovación e outras organizacións.

Na reunión, que contou entre outros coa participación de Juan A. Vázquez, presidente de Clusaga, e Roberto Alonso, xerente da entidade, fíxose unha avaliación do plan de actuacións deste ano do clúster, validouse a memoria de actuacións de 2018, levouse a aprobación o orzamento e as contas da entidade e analizáronse os principais proxectos estratéxicos da entidade, como a Business Factory Food e diferentes proxectos europeos nos que participa relacionados co emprendemento, a innovación e o mercado no eido agroalimentario.

“Sempre é moi benvido que a xente veña ao noso campus e nos coñeza pero en concreto neste caso é especialmente importante para nós porque o noso Clúster de Investigación e Transferencia Agroalimentario do Campus da Auga (Citaca), está directamente relacionado co sector agroalimentario”, salientou Ana Mª Torrado, coordinadora de Citaca e representante da Universidade de Vigo na xunta directiva do Clúster Alimentario de Galicia. Así, recalcou Torrado, un dos obxectivos de Citaca é, ademais de mellorar a excelencia científica, “aumentar a nosa colaboración e participación coa contorna socioeconómica e contribuír todo o que poidamos ao seu desenvolvemento”. “Para nós esta é a maneira directa de comunicarnos e de establecer e intensificar colaboracións co sector”, salientou.