DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Será o día 14 de decembro nunha xornada aberta ás persoas interesadas

O Clúster de Investigación e Transferencia Agroalimentario do Campus da Auga arranca a súa actividade pública

A cita contará coa participación dos seus grupos de investigación

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Universidade e empresa
  • Investigación
DUVI Ourense 07/12/2018

A principios do mes de novembro a Consellaría de Educación, Universidade e Formación Profesional da Xunta de Galicia concedeu 424.084 euros á Universidade de Vigo para a creación do Clúster de Investigación e Transferencia Agroalimentario do Campus da Auga (Citaca). Co obxectivo de dar a coñecer esta nova agrupación e as súas potencialidades, o venres 14 de decembro o campus de Ourense acollerá unha xornada na que se presentará Citaca aos membros da comunidade universitaria e aos axentes da contorna interesados.

Segundo explica Ana María Torrado, coordinadora de Citaca, este clúster “é o instrumento principal da área estratéxica de investigación do Campus da Auga que ten como obxectivo crear unha rede multidisciplinar e integrada de unidades de investigación, docencia e transferencia de tecnoloxía e coñecemento a fin de contribuír á sostenibilidade ambiental e competitividade do sector agroalimentario”. Neste contexto, a xornada que se celebrará o día 14 de decembro xorde, apunta Torrado, “para visibilizar as liñas de investigación e potencialidades dos grupos de investigación que forman Citaca e para establecer sinerxías de colaboración cos diferentes axentes do sector da auga e da industria agroalimentaria”.

A xornada, que se desenvolverá en horario de mañá e tarde no edificio Politécnico, contará cunha presentación xeral e das principais liñas de investigación de Citaca e unha mesa redonda con representantes da administración e centros de investigación, clústers, asociacións e empresas dos sectores da auga e agroalimentación. Na sesión da tarde presentaranse os grupos de investigación que integran este clúster do Campus da Auga. Citaca, lembra a súa coordinadora, está formado por nove grupos de investigación e 134 investigadores e investigadoras. Os grupos de investigación da Universidade de Vigo que participan son Investigacións Agrarias e Agroalimentarias; Agrobioloxía Ambiental; Planta, Solo e Valorización de Subprodutos; Tecnoloxía de Alimentos; Biotecnoloxía Industrial e Enxeñaría Ambiental; Síntese, Estrutura e Simulación; Bioloxía Aplicada a Agroecosistemas e Laboratorio de Informática Aplicada. Da Universidade de Santiago de Compostela participa en Citaca o grupo Enxeñaría e Xestión de Procesos e Produtos Sostibles. A eles súmase persoal investigador colaborador de institucións como o CSIC e diversos centros tecnolóxicos.