DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dereito edita un libro en lembranza deste PAS falecido en 2017

De 'Cnosos a Gattaca' para render homenaxe a Arturo Rúa

A publicación recolle doce achegas literarias de profesorado do centro

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Publicacións
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI Ourense 18/10/2019

Membros da comunidade universitaria do campus de Ourense e familiares e amigos de Arturo Rúa, persoal de administración e servizos do campus de Ourense falecido no ano 2017, déronse cita este venres na Facultade de Dereito na presentación dun libro no que se lle rende homenaxe. A publicación, que leva por título De Cnosos a Gattaca. Escritos non xurídicos en recordo de Arturo Rúa Rodríguez, recolle as achegas literarias feitas especialmente para esta iniciativa por doce profesoras e profesores deste centro.

Susana González, vicedecana da Facultade de Dereito, centro que editou o libro, salientou na presentación como Arturo Rúa “aínda que xa fai un tempo que nos deixou segue estando moi presente en cada recuncho da facultade e da nosa vida académica e persoal”. Lembrando ao homenaxeado como unha persoa que tiña entre as súas virtudes ser “un gran conversador e un grande observador”, a vicedecana indicou como “no libro intentamos deixar de lado a nosa faceta máis xurídica e tratar temas que recordasen as nosas lembradas conversas con Arturo, que foron numerosas e de temáticas moi variadas, desde o cine á política”.

Un libro que a Arturo lle gustaría ler

Ao carón do que foi o seu centro de traballo, a conserxaría do edificio Xurídico-Empresarial, Roberto O. Bustillo e Laura Movilla, coordinadores da publicación, leron o prólogo da obra nun acto marcado pola emoción. Así salientaron como Arturo Rúa foi “unha persoa especial, diferente, un compañeiro e un amigo que coa súa paz interior, a súa alegría serena, a súa xenerosidade, o seu compromiso, a súa boa disposición e, en definitiva, a súa calidade humana e profesional, contribuíu, durante os trece anos que desde a conserxaría do Edificio Xurídico-Empresarial formou parte desta facultade, a facer dela (do seu espazo e do seu aire) un lugar mellor”.

Sobre a publicación, os seus coordinadores indicaron como a intención desde un primeiro momento “non foi escribir un libro sobre Arturo senón un libro que a Arturo lle gustaría ler, un libro alimentado non tanto polo saber profesional dos seus autores, como por todos eses coñecementos non necesariamente xurídicos que poden formar parte dos nosos intereses persoais ou da fronteira entre o persoal e o profesional”. Así, detallaron, ao longo das súas páxinas aparecen "entreverados contidos sobre a mitoloxía grega, protección do medio ambiente, música ou historia medieval”. A familia do homenaxeado recibiu o libro moi emocionada “polo tempo e o cariño” posto por todas as persoas que dun xeito ou outro participaron nesta iniciativa.