DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ciencias Empresariais e Turismo presentou este martes o seu dobre grao internacional

Co título en ADE polas universidades de Bremerhaven e Vigo

Trátase dunha iniciativa pioneira no campus de Ourense

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 22/09/2015

No seu proceso de internacionalización, a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense vén de dar un paso máis. Este martes presentou a súa nova oferta de grao internacional en Administración e Dirección de Empresas pola University of Applied Sciences Bremerhaven, en Alemaña, e pola Universidade de Vigo. A iniciativa permitirá a cinco estudantes do centro ourensán realizar o último curso na Hochschule Bremerhaven e a outros cinco estudantes alemáns facelo mesmo nas aulas ourensás. Deste xeito, os participantes rematarán os seus estudos cunha dobre titulación que lles dará un plus engadido na súa saída ao mercado laboral.

Unha oportunidade para as universidades e para o alumnado

A presentación da iniciativa contou coa participación de Manuel Fernández Iglesias, vicerreitor de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais da Universidade de Vigo; Gerhard Feldmeier, vicerreitor de Internacionalización da Hochschule Bremerhaven; Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, e Elena Rivo, decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo. “A docencia en inglés e a posta en marcha de dobres graos internacionais son dúas liñas estratéxicas da política de internacionalización desta universidade e nelas esta facultade é un centro pioneiro”, salientou Fernández Iglesias. Tamén felicitou Virxilio Rodríguez ao centro por esta aposta pola súa internacionalización e subliñou a satisfacción que supón para o campus a posta en marcha do seu primeiro dobre grao internacional.

“Despois de once anos de relación coa Hochschule Bremerhaven, a posta en marcha deste dobre grao é un paso máis no camiño da nosa internacionalización”, subliñou Elena Rivo. A decana de Ciencias Empresariais e Turismo explicou como o centro e a universidade alemá teñen relación desde a visita de Gerhard Feldmeier fai máis dunha década, organizándose anualmente unha International Week na que o docente alemán, xunto a outros profesores da súa universidade e un grupo de alumnos e alumnas, veñen a Ourense unha semana para compartir clases e convivencia cos estudantes ourensáns.

Segundo salientou Gerhard Feldmeier, a posta en marcha deste dobre grao internacional tamén é unha iniciativa pioneira para a súa universidade, que conta na actualidade con arredor de 3000 estudantes. Salientando o orgullo que supón para a súa universidade a posta en marcha desta iniciativa, o vicerreitor alemán subliñou o interese que ten para o alumnado pois “é unha oportunidade que vai máis aló do intercambio internacional, os estudantes obteñen unha dobre titulación que lle pode abrir moitas portas no seu mercado laboral”.

Un máximo dun ano

Os alumnos e alumnas que realicen estes estudos obterán os títulos oficiais de bachelor of Arts in Business Administration pola Hochschule Bremerhaven e o de graduado ou graduada en Administración e Dirección de Empresas pola Universidade de Vigo. Para participar no programa, os estudantes da Universidade de Vigo deberán de ter superados os tres primeiros cursos do grao en ADE, un total de 180 créditos, e realizarán 60 créditos na universidade alemá. Os alumnos e alumnas serán seleccionados e admitidos en base aos seus resultados académicos, á súa motivación e ás súas destrezas lingüísticas. As materias para os alumnos da dobre titulación serán impartidas en inglés.

O período de estudo a tempo completo non deberá de exceder de dous semestres, un ano. As universidades prestarán asistencia na procura de aloxamento e axudará aos estudantes para que se integren na vida social e cultural da mesma. Os beneficiarios e beneficiarias terán os mesmos dereitos e privilexios dos que gozan os demais estudantes matriculados, podendo levar a cabo prácticas dentro do período de intercambio do estudo.

A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo recibirá no segundo cuadrimestre aos primeiros estudantes alemáns que participarán nesta iniciativa e os primeiros estudantes ourensáns que estudarán na universidade alemá farano o vindeiro curso 2016/2017. Para financiar as súas estadías contarán co programa Erasmus + e co programa específico de bolsas propias da Universidade de Vigo. Os gastos da matrícula dos estudantes serán abonados na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense, pagando unicamente na Hochschule Bremerhaven as taxas administrativas.