DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Gratuíto e dirixido á comunidade universitaria, desenvólvese coa colaboración do CIFP Carlos Oroza

Cociña saudable e gastronomía tradicional centran un novo obradoiro do Campus Crea

Integrado por oito sesións, dará comezo o vindeiro xoves 22

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Académica
DUVI Pontevedra 15/03/2019

Pautas sobre nutrición e dietética, consellos e receitas para aprender a elaborar pratos sinxelos e saudables con diferentes produtos e un achegamento á cociña tradicional galega integran o programa do obradoiro que, coa colaboración do CIFP Carlos Oroza, a Vicerreitoría do campus impulsa dentro do programa de actividades do Campus Crea. Dirixido á comunidade universitaria e con inscrición gratuíta na plataforma Culturxest ata completar as súas 20 prazas, este Obradoiro práctico de cociña saudable e tradicional, desenvolverá as súas oito sesións entre o 21 de marzo e 11 de abril no Carlos Oroza, contando as e os participantes con transporte gratuíto ata estas instalacións, coa excepción das xornadas do 28 e 29 de marzo.

“A cociña saudable encaixa perfectamente na filosofía do Campus Crea e do Green Campus, é unha forma de facilitarlle aos estudantes unha serie de ferramentas que lles axuden a alimentarse mellor”, salienta o director do Campus Crea, Carlos Souto, dunha actividade que dá continuidade ao obradoiro de cociña que, tamén xunto ao CIFP Carlos Oroza, a Vicerreitoría impulsou o pasado mes de novembro. Ao igual que no anterior, este taller terá como obxectivo achegar ao alumnado unha serie de fundamentos básicos de cociña, aos que desta volta se suman tamén unhas “pinceladas de cociña tradicional galega”, explica Souto dun taller que, dada a súa vinculación co eixo de saúde e benestar do proxecto de especialización, “pensamos que se pode seguir mantendo ao longo do tempo”.

Oito sesións

Os docentes do CIFP Carlos Oroza Marta Abad, Ricardo Fernández, Daniel Pulzoni e Francisco Rodríguez serán os responsables de impartir un curso estruturado en oito sesións, que se desenvolverá nas tardes de xoves e venres en horario de 16.30 a 19.30 horas. A primeira xornada, o vindeiro xoves 21 , estará centrada en achegar ás e aos participantes unha serie de pautas sobre nutición e dietética, para posteriormente dedicar ás súas seguintes sesións ao traballo práctico con diferentes produtos nas instalacións do CIFP Carlos Oroza. Así, o venres 22 terá lugar unha visita pola horta deste centro, seguida dun taller de elaboración de ensaladas e pratos de verduras e hortalizas; mentres que á semana seguinte o curso centrarase en pastas e arroces e peixes. Xa o 4 e 5 de abril, carnes, pan e sobremesas saudables protagonizarán un curso que se pechará o venres 11 cun taller de elaboración de receitas tradicionais.