DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A actividade terá lugar de xeito presencial e virtual o 9 de novembro

O cociñeiro Pepe Solla será o primeiro convidado do ciclo 'Conversas' de Ciencias Empresariais e Turismo

Na intervención falará da súa traxectoria e da creatividade en tempos de covid-19

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Divulgación
  • Universidade e empresa
  • Académica
DUVI Ourense 06/11/2020

A restauración é un dos sectores máis afectados polas medidas de loita contra a pandemia. O peche provisional ou definitivo dos restaurantes supón truncar a actividade económica pero tamén o espazo de creación de moitos cociñeiros e cociñeiras. Para falar da súa traxectoria profesional e empresarial pero tamén de creatividade e gastronomía en tempos de incerteza, o luns 9 de novembro a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense acollerá unha conferencia do cociñeiro Pepe Solla, propietario de Casa Solla e un dos fundadores do Grupo Nove de cociña. 

Unha iniciativa de divulgación

A iniciativa forma parte do ciclo de conferencias que baixo o título Conversas se desenvolverá neste centro do campus de Ourense ao abeiro do seu Proxecto Mentor. Acompañando a Pepe Solla participarán na actividade Ernesto López-Valeiras, profesor da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo e membro da organización da actividade, e Xurxo Baca, deseñador e membro do Proxecto Mentor. “Conversas consiste nun ciclo de conferencias de divulgación no que investigadores comparten escenario con profesionais, directivos, empresarios, emprendedores e outros axentes sociais”, comenta López-Valeiras. Os temas das conversas, indica, “serán de interese xeral, tratando temas de actualidade relacionados co mundo da empresa e a súa relación coa sociedade e o medio ambiente. O obxectivo principal é divulgar, promover o debate e a crítica de novos coñecementos, ideas e opinión a amplos colectivos sociais”.

Segundo explica Xurxo Baca, con esta iniciativa “queremos promover a importancia de explorar territorios que descoñecemos, por iso cremos cegamente no valor de escoitar. Escoitarnos a través do relato alleo permítenos imaxinar outras realidades e axúdanos a camiñar cara a un mundo mellor”. Conversas, engade o deseñador, “é unha aposta que nace das ganas de aprender das experiencias vividas, das decisións tomadas, das decisións que non se tomaron, dos acertos que foron erros, dos erros que foron acertos e doutros tantos azares que ao longo da vida definen aquelo no que nos convertemos”.

Na conferencia do luns, indican desde a súa organización, “Pepe Solla será o protagonista, escoitaremos o seu camiño ata chegar a converterse no que agora é”. Tras a súa intervención, abrirase unha quenda de conversa co cociñeiro na que participará Ernesto López-Valeiras e Xurxo Baca e que se centrará no proceso creativo, especialmente nun contexto de incerteza. Na última parte haberá un debate-charla co público asistentes. Ao acto, que durará aproximadamente unha hora, pode asistirse de xeito presencial na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense, con reserva de entrada, ou de xeito virtual, a través do Campus Remoto da UVigo, sendo as prazas en ambos casos limitadas.