DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O novo presidente da CEG reuniuse hoxe co reitor da UVigo

Colaboración e integración, claves para unha mellor relación entre universidade e empresa 

As prácticas e a participación conxunta en proxectos europeos centraron a xuntanza 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Estudantado
  • Reitor
  • Universidade e empresa
  • Institucional
Mª de Carmen Echevarría DUVI 04/02/2021

Desde o seu cargo de secretario xeral de Anfaco, Juan Manuel Veites colabora desde hai anos coa Universidade de Vigo nos ámbitos da investigación, a transferencia e a docencia, como lembrou o reitor da UVigo Manuel Reigosa e o propio Vieites esta mañá na reunión que ambos mantiveron, a primeira tras a recente elección do secretario xeral de Anfaco como presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG). Precisamente, o reitor aproveitou esta primeira xuntanza para agradecerlle a Vieites a súa participación no desenvolvemento do Plan Estratéxico da UVigo, unha colaboración que se suma a outras accións nas que tamén tomou parte ao longo dos últimos anos como Campus do Mar, o Consello Social ou o Máster en ciencia e tecnoloxía de conservación de produtos da pesca. “Desde os meus orixes estou ‘situado’ na Universidade de Vigo e non me é allea para nada. A colaboración foi moi frutífera todos estes anos, mesmo en proxectos de investigación”, destacou Juan Manuel Vieites, para quen “o camiño esta feito coa UVigo e agora hai que ampliar os horizontes de todo o sector empresarial galego ao estudantado das tres universidades e intentar unha maior integración, colaboración e cooperación”, dixo o presidente da CEG.

No mesmo sentido, apuntou Manuel Reigosa, que manifestou a total disposición da Universidade de Vigo para reforzar a colaboración público-privada, “para participar poñendo o mellor de nós, que é o capital humano a disposición de proxectos europeos, tanto no caso dos Next Generation, como noutro tipo de accións”. As prácticas do alumnado da UVigo en empresas, foi outra das cuestións que centrou a reunión celebrada esta mañá no despacho do reitor, que expresou a súa vontade de asinar un convenio marco “que permita que o noso estudantado teña esta entrada no mundo do traballo durante a súa carreira, para que fagan prácticas curriculares e extracurriculares”, dixo Reigosa.

O papel fundamental que xoga da universidade

Tras asegurar que enfronta esta etapa na presidencia da CEG con “ilusión e ánimo e intentando buscar a unión empresarial de Galicia”, Vieites destacou o papel “fundamental” que considera xoga a universidade desde o punto de vista da capacitación, estruturación, vertebración e coñecemento. Co obxectivo de procurar unha maior colaboración e integración entre o mundo empresarial e a universidade, o novo presidente da CEG expresou a súa intención de “intentar lanzar pontes desde a miña nova atalaia”, dixo Vieites.