DUVI

Diario da Universidade de Vigo

UVigo, Asime, Coasa, Ana Muñiz e Dalot suman forzas na loita contra o coronavirus 

A colaboración entre universidade e empresa propicia a produción dun millar de batas para persoal sanitario e asistencial 

As batas serán doadas aos servizos sanitarios e administracións públicas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Saúde
  • Universidade e empresa
  • Investigar
DUVI 16/04/2020

Baixo a coordinación da Universidade de Vigo e Asime , as empresas Coasa de Ourense, Ana Muñiz de Dodro, Transportes Dalot de Mos e Academia Pin Factory de Vigo, reorganizaron a súa produción para elaborar e distribuír de xeito solidario 1000 batas para o persoal sanitario e asistencial. Desde o grupo Encomat da Universidade de Vigo, no que participan docentes das áreas de Ciencia de Materiais, Enxeñaría Metalúrxica e Enxeñaría Química, a investigadora e vicerreitora de Transferencia, María Consuelo Pérez, sinala que a participación da institución académica neste proxecto centrouse en tarefas de xestión, achegando asesoramento técnico e comprobando que as características dos materias fosen os axeitados para a confección das batas, enmarcadas na iniciativa BatasCOVID19. “Dado que o persoal sanitario sería un destinatario , un requisito do material seria a súa impermeabilidade e para cumprir con esa característica, seleccionouse un material bicapa. A capa interna é de polipropileno (PP), un material non tecido transpirable, sendo esta característica a principal  vantaxe dos tecidos non tecidos. A capa externa, é de polietileno laminado que achega a impermeabilidade”, explica a vicerreitora.

O corte da tela realizouse nas instalacións de Coasa, mentres que a confección levouse a cabo en Ana Muñiz en Dodro. Pola súa banda, Academia Pin Factory ocupouse do patrón e Transportes Dalot da distribución. As empresas reconverteron a súa actividade, normalmente orientada ao sector aeronáutico, confección e transporte loxístico, respectivamente, e dedicaron os seus recursos e persoal a esta iniciativa solidaria, co obxectivo de contribuír a paliar o impacto da COVID-19 e previr contaxios.

Suma de forzas na loita contra o virus

As e o investigadores integrados en Cintecx e no Campus de Especialización Vigo Tecnolóxico que participan no proxecto consideran que a Universidade de Vigo, lugar de xeración de coñecemento e sen ánimo de lucro, debe estar ao servizo da sociedade. “ A natureza altruista destas iniciativas puxeron de manifesto que, en situacións difíciles como as que se están a vivir, a colaboración directa  Universidade-Empresa  permite conxugar as capacidades produtivas do noso tecido empresarial cos coñecementos científico-tecnolóxicos da Universidade”, sinala María Consuelo Pérez. 

Pola súa banda, Enrique Mallón, secretario xeral de Asime, destaca que “desde Asime seguimos impulsando con toda a nosa determinación iniciativas solidarias para achegar o noso gran de arena na loita contra o coronavirus. Estas batas, totalmente solidarias e coas características necesarias para protexer aos sanitarios, son o resultado da excelente colaboración coa Universidade de Vigo e empresas galegas comprometidas con esta causa desde o primeiro momento”.

Para Ricardo Escolano, xerente de Coasa, “é un orgullo achegar o noso gran de area a este proxecto solidario, nun momento no que todos nos sentimos afectados cunha causa común”. Pola súa banda, José Luis Fernández,, administrador de Ana Muñiz, pon de manifesto o esforzo realizado, “cambiando a nosa actividade, o que foi posible grazas ao noso persoal, ao que lle agradecemos enormemente a súa achega”. Mentres, Ramón Alonso, administrador de Transportes Dalot lembra que lles foi doado involucrarse neste proxecto, “porque estamos afeitos a diario a facer entregas moi urxentes en toda Galicia”.

Vídeos da produción en Ana Muñiz e do corte en Coasa