DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O proxecto de Mericusan foi seleccionado para a plataforma de deseñadores emerxentes Ego

A colección gañadora de Debut 2025 desfilará na Fashion Week Madrid

‘Ángel de cristal’ ten como punto de partida o seu traballo de fin de mestrado

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 04/02/2026

O pasado mes de novembro, a egresada do Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda Mericusan alzábase co primeiro premio de Debut 2025 grazas á Crystal angel, unha colección que presentaba como “un reflexo da miña identidade e de como eu leo as identidades femininas”. Desenvolvida como traballo de fin de mestrado para esta titulación da Facultade de Deseño, este proxecto converteu a Mericusan nunha das dez deseñadoras e deseñadores seleccionados para o Ego, a plataforma de deseñadores emerxentes da Mercedes-Benz Fashion Week Madrid. O domingo 22 de marzo, na xornada de peche dunha edición que conmemora o 20 aniversario desta plataforma, Mericusan presentará sobre a pasarela do Ifema madrileño unha versión ampliada dun proxecto que en novembro era recoñecido co Premio ao Deseño e a Creatividade, outorgado pola Fundación Bimba y Lola, no desfile no que os novos titulados e tituladas do máster presentan os seus proxectos de fin de estudos.

Organizada polo Ifema, co apoio do Ayuntamiento de Madrid, a Mercedes-Benz Fashion Week Madrid facía público nas últimas horas o calendario dunha edición que terá lugar entre o 18 e o 22 de marzo e que converte esta cidade no “epicentro da moda española”, como destacan desde a organización. Esta edición pecharase coa xornada dedicada ao Ego, unha plataforma “que durante 20 anos foi o escaparate de referencia para os novos talentos da moda española”. Nesta ocasión, permitirá coñecer sobre a pasarela as propostas de dez deseñadores e deseñadoras emerxentes, “que presentan coleccións profundamente persoais e disruptivas, mostrando distintas aproximacións ao deseño contemporáneo”. Nomeadamente, foron seleccionados os proxectos de Adrià Egea, Antonio Acuario, Bonet, Caducifolium, Eaftimos, Maikarfi, Maison Gracen, Patequilux e Pringa, que optarán ao premio desta edición xunto coa colección Ángel de cristal, de Mericusan.

“A feminidade como un espazo de fantasía”

Segundo recolle o texto de presentación do proxecto, Ángel de cristal “explora a feminidade como un espazo de fantasía, anhelo e contradición a través do imaxinario do shojo, as magical girls e a subcultura lolita”. Trátase dunha colección inspirada no manga e o anime xaponés da década de 1990, cos que Mericusan constrúe un relato sobre o “desexo de converterse en protagonista dunha fantasía propia”. Nomeadamente, a súa colección xira arredor do “concepto de The Dreamed Dress, un vestido branco que representa un ideal inalcanzable de pureza, beleza e perfección”, a partir do que a deseñadora constrúe un conxunto de prendas “que combinan volantes, enaguas e siluetas románticas cunha paleta cromática en branco e negro”. Estas pezas, como sinalan desde a organización, “materializan a tensión entre inocencia e baleiro, desexo e frustración, refuxio e desencanto”, articulando deste xeito unha reflexión sobre como a aparencia pode verse como “un primeiro paso para construír identidade”, pero tamén como un límite, como “un intento sempre incompleto de encarnar esa fantasía hiperfeminina”.