DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As profesoras Begoña Paz e Itziar Ezquieta deseñaron unha serie de actividades para nenos e nenas

A colección do Museo de Pontevedra, xerme dunha viaxe didáctica polo Camiño Portugués

Os resultados deste proxecto preséntanse ata o 24 de outubro nunha exposición

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Pontevedra 29/09/2021

Dez municipios emprazados ao longo do Camiño Portugués acolleron nos últimos meses unha serie de obradoiros didácticos para nenos e nenas, que tiñan como punto de partida dez pezas singulares pertencentes á colección permanente do Museo de Pontevedra. Tomando como punto de partida obras de Lugrís, Castelao ou Seoane e pezas como a Laxe das Picadas ou a escultura dun Santiago Pelegrín do século XVII, as profesoras da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Begoña Paz e Itziar Ezquieta desenvolveron unha serie de actividades e materiais didácticos. No marco do proxecto O Museo en Camiño, estes viaxaron xunto con pequenas réplicas das obras seleccionadas por Tui, Ribadelouro, Redondela, Cesantes, Arcade, Barro, Caldas de Reis, Valga, Pontecesures e Padrón. Unha selección das pezas que os nenos e nenas realizaron a partir destas propostas exhíbese ata o 24 de outubro no Museo de Pontevedra, na exposición resultante deste proxecto, levado a cabo co apoio da Xunta de Galicia e que as docentes do Departamento de Didácticas Especiais desenvolveron xunto coas asociacións Taller Abierto e Paspallás.

Colaxes que implicaban combinar de múltiples formas elementos presentes nun cadro de Seoane, brazaletes de estaño que tiñan como punto de partida o Tesouro de Caldas ou cadernos de viaxe que partían dun achegamento á paisaxe a partires dunha obra de Sobrino Buhígas poden verse nestes días no acceso ao Edificio Castelao, xunto ao “museo portátil” no que se trasladaron aos diferentes obradoiros as réplicas das obras seleccionadas para o proxecto. “Fíxose unha selección o máis ampla posible dos fondos do Museo, na que hai tanto pezas da Prehistoria coma obras contemporáneas”, salienta Paz dun traballo no que buscaron que estivesen tamén representadas “diferentes linguaxes, xéneros e posibilidades plásticas” e que permitisen á súa vez establecer “unha relación co propio Camiño”.

Obras que levan a explorar diferentes técnicas e linguaxes

Para cada unha das obras, Paz e Ezquieta deron forma a unha proposta de actividade didáctica que, da man de Taller Abierto, os nenos e nenas levaron a práctica nos diferentes municipios. Así, unha caricatura de Castelao serviu para propor un exercicio no que as e os participantes “escribían unha descrición de si mesmos, que logo ían pasando aos compañeiros para que a interpretasen” a través dun debuxo. O retablo de San Acacio, entendido como “unha forma de expresión gráfica dunha secuencia narrativa”, como sinala Ezquieta, serviu así mesmo para dar forma a unha actividade na que nenos e nenas tiñan que plasmar “unha historia en tres actos”. Traballar nuns bloques cunha cara pintada e outra en branco a idea “do contrario desde os elementos visuais” era, por outra banda, o eixo da proposta que deseñaron inspirándose no busto bifronte de Xano, mentres que o miliario romano de Salcedo serviu como base para “un xogo de fichas que tiñan que situar, a partir dunhas pistas, nun mapa” de Galicia. 

“Estudouse cada obra e a partires do concepto, material e tipo de traballo, reformulouse nunha proposta didáctica”, salienta Ezquieta dun proxecto no que buscaron non só traballar cos nenos cuestión relativas a temáticas, senón tamén a diferentes linguaxes e técnicas artísticas. “Cada unha das actividades ten unha serie de contidos e materiais específicos”, explica Paz. Con esa mesma idea, deseñáronse unha serie de “mapas visuais de apoio, que acompañaban as actividades”, así como “tarxetas postais nas que reformulamos a peza como unha ilustración infantil” e coas que se agasallou aos e ás participantes nos talleres. 

Na mostra que nestes días pode contemplarse no Museo, cada conxunto de obras preséntase acompañada dun código QR que permite acceder “a pequenos vídeos dos procesos de traballo”. Do mesmo xeito, as obras da colección permanente seleccionadas exhíbense nestes días xunto a unhas cartelas que informan deste proxecto e que “permiten interrelacionar esta exposición coa colección do Museo”, de tal xeito que as e os visitantes poidan “ver a obra orixinal e a súa relación con este traballo”, sinala Paz.