DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A egresada Sabela Juncal é unha das nove seleccionadas para o Allianz Ego

Unha colección nacida en Esdemga desfilará na Fashion Week Madrid

Nacida como traballo final do Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 19/01/2023

A egresada do Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda Sabela Juncal forma parte dos nove deseñadores e deseñadoras seleccionados para participar no Allianz Ego, a pasarela de novos talentos da Mercedes-Benz Fashion Week Madrid. Farao co seu proxecto Condominio, que ten como punto de partida a colección que esta titulada desenvolveu como traballo de fin de estudos e que en 2021 estreaba en Debut, onde o seu proxecto alzouse ademais co premio Digipress Epson á mellor aplicación en moda de técnicas de sublimación.

Graduada en Publicidade e Relacións Públicas, Juncal decidiu orientar a súa traxectoria ao mundo da moda, o que levouna a cursar o mestrado no que naceu Condominio, unha colección na que representa “o proceso de construción dun fogar, desde pensar os seus espazos, ata os seus habitantes, as súas prendas ou os seus obxectos". Partindo desas ideas e tendo presentes "cuestións como a escala, a sección ou a visión voyeurística do espectador que podería observar este fogar dende fóra", Juncal presentará no Allianz Ego unha versión ampliada do seu proxecto de fin de estudos, conformada por 15 estilismos. 

"Creo que poder participar na Mercedes-Benz Fashion Week é unha grande oportunidade, así como un grande altofalante, que permite que o teu traballo chegue a moita máis xente", sinala Juncal. Farao, na última xornada da 77 edición da pasarela, o domingo 19 de febreiro, dedicada ás promesas emerxentes da industria da moda, para a que foron tamén seleccionadas as propostas de Adrià Egea, Aitor Goicoechea, Alejandre, Charlie Suits, Fátima Miñana, Guillermo Décimo e 93 Sierra/Crossed, xunto coa firma Reparto, gañadora do premio Confidence in Fashion na anterior edición da pasarela. "É un paso enorme e poder ver a colección nunha pasarela con recursos profesionais é un gran privilexio", sinala Juncal da que será a súa primeira participación no Allianz Ego. Nela optará ao premio Mercedes Benz-Fashion Talent á mellor colección, un galardón co que xa foron recoñecidos previamente titulados e tituladas de Esdemga como Melania Freire, Gabriel Nogueiras (Rubearth) ou Elena Rial.