DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Xurdida do TFM de Sergio Villasante, un dos deseñadores seleccionados para o Ego 

Unha colección nacida en Esdemga estréase este domingo na Madrid Fashion Week

Entre os participantes figura tamén o egresado Rubearth

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Universidade e empresa
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 06/04/2021

A situación sanitaria provocada pola covid-19 impediu o pasado mes de novembro a habitual celebración, dentro da programación de Debut, do desfile no que os novos titulados e titulados de Esdemga presentan cada ano as coleccións que constitúen os seus proxectos de fin de estudos. Deste xeito, a colección Zebras in London? Why not?, o traballo fin de máster de Sergio Villasante, poderá verse por primeira vez sobre unha pasarela este domingo, na última xornada da Mercedes Benz Fashion Week Madrid, despois de que o seu proxecto fose un dos oito seleccionados para participar no Allianz Ego, a plataforma para novos deseñadores e deseñadoras deste evento internacional, na que tamén presentará as súas creacións outro deseñador formado nas aulas de Esdemga, Rubearth.

“Para min, estar na plataforma de moda máis importante de España é algo moi relevante, porque hai tres meses estaba terminando o máster e que consideren que o teu traballo é de calidade dáche moitos ánimos para seguir”, salienta Villasante. Xunto a este egresado da segunda promoción do Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda e o tamén ex-alumno Rubearth, foron seleccionados para o Allianz Ego Guillermo Décimo, Corsicana, Reparto Studio, Velásquez, Georgiela Studio e Montenegro. Todos eles optarán ao premio Mercedes-Benz Fashion Talent na xornada de clausura da 73 edición da Madrid Fashion Week, que organizan Ifema e o Ayuntamiento de Madrid e que entre o 8 e o 11 de abril converterase na primeira pasarela internacional que se leva a cabo de xeito presencial neste 2021.

Un escaparate e unha experiencia profesional

Formar parte dos participantes no Allianz Ego “é un logro moi importante para min”, salienta Villasante, que compartirá pasarela “con xente que ten máis anos de experiencia e marcas máis establecidas, mentres que eu acabo de rematar o máster”. De aí que poña de relevo, ademais do recoñecemento ao seu traballo e a visibilidade que outorga presentar as súas creacións "nun escaparate importante dentro e fóra de España", a propia “experiencia profesional” que sumará o seu currículo. Do mesmo xeito, este titulado valora tamén as posibilidades que este evento outorga á hora de entrar en contacto cos profesionais do sector, a pesares das limitacións ás que obriga a covid-19 e que levaron a que a Fashion Week reducise ao 24% o seu aforo habitual.

Nese mesmo senso, a directora de Esdemga, Lola Dopico, salienta a elección de Villasante para a pasarela para deseñadores novos “máis importante de España”, que se suma ás acadadas en edicións anteriores por outros titulados e tituladas, como un “referendo a que estás traballando nunha formación que valora o sector”. Como lembra Dopico, o obxectivo de Debut é conectar ao alumnado que remata a súa etapa formativa co mundo profesional, un labor que, a pesares das limitacións impostas pola pandemia, centrou tamén a programación de Debut 2020, “da que facemos un balance moi positivo”, xa que máis aló desta selección, sinala, “outros titulados están participando en procesos de selección dentro das empresas ou tiveron xa o seu primeiro contrato de traballo”

Unha reflexión sobre os efectos do colonialismo

Para a súa participación no Ego, Villasante tivo que ampliar a 15 os nove estilismos que o pasado mes de novembro presentaba diante do tribunal encargado de avaliar o seu traballo de fin de mestrado. “Realmente, os looks que fixen a maiores xa estaban na miña cabeza”, recoñece dun proxecto que inspirou na figura do banqueiro, político e zoólogo británico Walter Rothschild. Mais en concreto, apunta, a súa colección toma como punto de partida un “momento clave e moi humorístico” da traxectoria deste barón inglés, “que trouxo desde África a Londres unhas cebras que amestrou para que tirasen da súa carruaxe”. Partindo deste “momento surrealista e moi descontextualizado”, Villasante desenvolveu unha colección que afonda en “como o colonialismo afectou á moda de época” en Occidente, indo no seu TFM máis aló do téxtil para reflexionar tamén sobre os efectos do colonialismo na sociedade de finais do século XIX e comezos do XX, a época na que viviu Rothschild, pero tamén no feito de “como este segue estando detrás de moitos problemas políticos e sociais na actualidade”.

Tomando referencias “da moda do século XIX e comezos do XX, sen perder de perspectiva a actual”, Villasante deu forma a unha colección masculina que emprega como “fío conector e punto máis recoñecible” a figura do explorador e as prendas que habitualmente se lle atribúen, “aínda que incorporando tecidos ou mesmo cores que non se vían nun explorador e que parten máis da miña interpretación”.

A situación sanitaria obrigou a que, dentro da programación de Debut 2020, a colección de Villasante se dese a coñecer de forma virtual, a través de pezas en vídeo e das redes sociais, nas que "só se puideron ver algúns deseños”, polo que o Ego constituirá a primeira oportunidade para amosar en público “a colección na súa totalidade”. De aí que este egresado saliente tamén a “satisfacción que supón poder ver todo o teu traballo nunha pasarela, coa luz e a música que ti queres”.