DUVI

Diario da Universidade de Vigo

BBAA acolleu un coloquio coa presidenta desta asociación, Iria Vázquez

A Colectiva achega o alumnado á realidade profesional da arte contemporánea

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 03/11/2021

No marco das actividades impulsadas polo Decanato de Belas Artes co obxectivo de achegar aos alumnos e alumnas que se atopan próximos a rematar os seus estudos diferentes opcións e saídas profesionais, a facultade acolleu este mércores un coloquio con Iria Vázquez, presidenta da Asociación Profesional de Artistas de Galicia, A Colectiva. Esta presentación tiña como obxectivo afondar nos obxectivos, actividades e proxectos desta entidade, constituída en 2016, e que ten como principais fins “a promoción e profesionalización do sector artístico galego, a mediación e interlocución institucional, a colaboración con outros colectivos e o reforzamento do tecido cultural”.

Como explica Vázquez, egresada da facultade e doutora en Belas Artes pola Universidade de Vigo, o propósito principal desta presentación era dar a coñecer a asociación “e que o alumnado adquira conciencia da importancia do asociacionismo e do colectivo á hora de reivindicar diferentes cuestións”. Nese senso, a presidenta de A Colectiva, que estivo acompañada neste acto polo vicedecano, Javier Tudela, buscou tamén abordar “a realidade do sector profesional artístico” en Galicia e as “carencias que existen a nivel fiscal ou de seguridade social” para as e os profesionais que traballan no eido da arte contemporánea. 

Ao mesmo tempo, e partindo de que “aínda queda moito por facer”, Vázquez afondou tamén nas actuacións desenvolvidas pola asociación nestes cinco anos, como o “labor de interlocución” desenvolvido coa Xunta de Galicia para que nas medidas de reactivación do sector cultural tras a covid-19, a administración autonómica integrase “unha liña de axudas específicas para a creación, produción e investigación na área de artes plásticas”, que agarda agora que poida converterse en estrutura”. Máis aló da “reivindicación dos dereitos profesionais”, Vázquez abordou tamén as diferentes actividades en materia de “difusión da arte contemporánea”, como a colaboración co festival Intersección, que leva a cabo unha asociación da que forman parte preto de 125 artistas.