A mostra ‘Tres Tristes Tigres’ pode visitarse ata este venres 12 de xuño
O “colectivo anónimo” Apoplexía preséntase cunha exposición na Sala O Abrigo
Empregan unha serie de máscaras para asinar as súas obras
Formado por 16 mozos e mozas, Apoplexía preséntase como un “colectivo anónimo”, no que as e os seus integrantes empregan unha serie de máscaras para asinar as súas obras. Estas poden verse ao longo desta semana na exposición que protagonizan na Sala O Abrigo da Facultade de Belas Artes, Tres Tristes Tigres. Esta mostra reúne un conxunto de “pezas ensambladas a través de triángulos de madeira que funcionan como soporte e elemento unificador”, como sinalan desde o colectivo estudantil Luscofusco, responsable da coordinación deste espazo expositivo.
Inaugurada na tarde deste luns, a exposición poderá visitarse ata este venres 12 e permite dar a coñecer o traballo dun colectivo que presenta o seu nome como a “suspensión dalgunhas funcións formais académicas a causa dun ansia de creación, causando un desentendemento xeral, tanto das condicións de un como das normas vixentes”.
Xunto ás súas obras e as máscaras, nesta mostra presentan tamén as normas empregadas para elaboración destes cadros, así como material gráfico e libretas dirixidos a que o público poida participar “nun xogo colectivo simultáneo á exposición”, apuntan.
