DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O egresado Daniel Martínez impartiu un relatorio en CC da Educación e do Deporte

Un coloquio achega o alumnado á realidade laboral no sector das instalacións deportivas

O conferenciante abordou cuestións como os convenios colectivos e a precariedade no sector

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Académica
DUVI Pontevedra 30/04/2019

Titulado en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, con experiencia profesional no eido da xestión e como traballador por conta allea en instalacións deportivas, Daniel Martínez Aldao retornou este martes á facultade na que se formou para abordar co alumnado do grao en Ciencias da Actividade Física e o do Deporte a realidade do mercado laboral no sector deportivo. Fíxoo nunha conferencia organizada polo profesor Carlos Ayán, na que se detivo en aspectos como os convenios colectivos ou os tipos e modalidades de contratos e na que abordou co alumnado a “dura realidade” laboral que, denunciou, padecen os titulados e tituladas como traballadores de ximnasios e instalacións deportivas. 

“O sector do fitness move ao redor de 25.000 millóns de euros en toda Europa e España é a oitava potencia do mundo en fitness”, salientou Martínez Aldao dunha das saídas profesionais “máis importantes, sexa como asalariado ou como autónomo” dos titulados e tituladas no grao que se imparte na Facultade de Ciencias da Educación do Deporte. Non obstante, trátase dun sector “con salarios irrisorios, no que o 65% das contratacións son a tempo parcial”, denunciou este egresado nun coloquio no que puxo o foco na falta de regulación de traballos como os de monitores, técnicos de sala ou adestradores persoais.  Para abordar esta “dura realidade”, Martínez Aldao detívose no convenio colectivo autonómico de instalacións deportivas, na que a figura do graduado ou graduada só se recolle nos contratos correspondentes ao grupo primeiro, “que está reservado para funcións de dirección e  coordinación da instalación deportiva”, mentres que aquelas persoas que exercen como monitores ou monitoras ou técnicos de sala “fano como contratados no grupo terceiro”, ao igual que profesionais que cursaron ciclos formativos ou persoas “que poden non ter ningunha formación, xa que, ao non estar regulado, non fai falla unha titulación para exercer esta profesión”.

“A idea é que os alumnos saiban o que se van enfrontar”, engadiu Martínez Aldao, quen nese senso puxo en valor a importancia da “unión dos profesionais da actividade física” fronte esta situaciónnun coloquio no que abordou tamén as diferencias entre o convenio autonómico o estatal, as problemáticas que poden atoparse neste sector á hora de emprender ou establecerte como autónomo, á vez cuestións, como os tipos e modalidades de contratos ou a interpretación das nóminas.