DUVI

Diario da Universidade de Vigo

‘Tódalas mulleres que coñezo’ poderá verse o vindeiro luns en CC da Educación e do Deporte

Un coloquio e un documental para pór o foco nas violencias que as mulleres enfrontan cada día na rúa

A actividade complétase cun coloquio coa directora, Xiana do Teixeiro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cine
  • Igualdade
  • Cultura
DUVI Pontevedra 10/11/2022

“Un filme en tres actos que son tamén tres conversas entrelazadas e interxeracionais entre distintas mulleres que contan as súas experiencias de amizade, de medo, de resistencia, no espazo público”. Deste xeito preséntase Tódalas mulleres que coñezo, un documental da realizadora Xiana do Teixeiro que se proxectará o vindeiro luns 14 na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, nunha actividade que ten como obxectivo promover unha reflexión respecto dos diferentes tipos de violencias ás que se enfrontan cada día as mulleres no espazo público. Promovida polas profesoras Amada Traba e Sara Torres e patrocinada pola facultade e pola Unidade de Igualdade da UVigo, trátase dunha actividade aberta ao público, programada para as 16.00 horas, e na que a proxección deste filme estreado en 2018 verase complementada cun coloquio coa súa creadora.

Premiado en festivais como Documenta Madrid, Primavera do Cine de Vigo, Alcances de Cádiz ou no Mufest, Tódalas mulleres que coñezo mostra unha conversa de cinco amigas sobre a súa vida cotiá e en como nesta está presente o medo a posibles agresións ou ameazas na rúa. Esta conversa dá pé a súa vez a unha segunda, na que colaboradoras do filme e a propia directora reflexionan sobre o sinalado na primeira, como logo fan tamén, nun terceiro coloquio, un grupo de vinte estudantes de secundaria. Deste xeito, esta reflexión colectiva permite pór o foco en “como construímos culturalmente esa violencia, como a damos por válida ou como nin sequera a identificamos”, como sinala Amada Traba. Nese senso, un dos propósitos desta actividade, sinala, é promover no alumnado “un espírito crítico respecto da desigualdade entre homes e mulleres, no que atinxe á violencia sexual” e, máis en concreto, unha reflexión sobre como “a cultura de violación se emprega para subordinar ás mulleres e amedrentalas respecto do emprego igualitario do espazo público en calquera hora do día”. Nese senso, aínda que se trata dunha actividade aberta a toda a cidadanía, Traba busca tamén que esta iniciativa complemente á formación sobre educación con perspectiva de xénero que imparte ao alumnado da facultade, no marco da materia Socioloxía da educación.

O cine como espello

“No filme partimos de experiencias persoais, vivencias e emocións que cambian e adquiren un carácter colectivo a través da súa posta en común”, sinala Xiana do Teixeiro dun documental que nestes anos presentou en máis dun centenar de festivais, congresos ou seminarios, así como en aulas de diferentes niveis do ensino. Nese senso, a cineasta pon de relevo que o máis interesante de actividades coma a do vindeiro luns dáse “cando remata a proxección e se abre ese espazo de diálogo” a partir dun filme “que non busca concluír, senon problematizar” Non en van, o punto de partida de Tódalas mulleres que coñezo son situacións e experiencias “que temos interiorizado como cuestións que atenden máis ao persoal”, pero que realmente responden a un problema estrutural, lembra. Nese senso, a impulsora da produtora Walkie Talkie Films pon de relevo que o punto de partida deste documental foi a “gran contradición que algunha autora chama a fraude da igualdade”, o feito de que as mulleres sexan “educadas coas palabras de dereitos e liberdades”, para logo vivir no seu día a día unha serie de “limitacións” marcadas por violencias simbólicas, que fan que se perciban responsables do que lles poida acontecer na rúa en determinadas circunstancias.

Nese senso, Teixeiro recalca o valor do cinema non só como “fiestra” que permite observar unha determinada realidade, “senón como espello no que nos vemos reflectidas”, á vez que pon o foco no interesante de que o seu documental sexa levado a espazos como a facultade na que se forman futuras e futuros docentes, xa que o seu punto de partida era a pregunta de “como podemos facer un filme que non sexa violento pero no que nos enfrontamos a realidades que si o son, o que é moi relevante desde a perspectiva da educación”.