DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ciencias Sociais e da Comunicación acolleu un relatorio do tradutor Fernando Moreiras 

Un coloquio sobre o presente e o futuro a partires da novela que inspirou ‘Blade Runner’

A charla centrouse na edición en galego de ‘Soñan os androides con ovellas eléctricas?’

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Lingua Galega
  • Publicacións
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 12/12/2019

Afondar no labor dos tradutores e tradutoras e na súa importancia para unha lingua e unha cultura, pero tamén conversar sobre as problemáticas medio ambientais ou a presenza da tecnoloxía na vida actual. Estes foron os dous motores do coloquio que este xoves protagonizou na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación o tradutor Fernando Moreiras, responsable da tradución ao galego de Soñan os androides con ovellas eléctricas?, a novela de Philip K. Dick, na que se baseou o filme Blade Runner, de Riddley Scott. 

“A función dos tradutores é moi interesante para todas as culturas, permite que as cousas que facemos poidan ser modificadas e influídas por outras culturas, por outros modos de facer”, salientou o profesor Benigno Fernández Salgado, promotor dun coloquio que se centrou na novela de Philip K. Dick, editada este ano en galego por Kalandraka, “porque parecíanos a lectura indicada para falar do pasado, do presente e do que vai vir”. Non en van, a película de Scott, estreada en 1982, sitúa o mundo futurista no que se ambienta no ano 2019. De aí que Moreiras puxese o acento en como o libro e o filme abordan cuestións “como a ecoloxía, que é moi importante na novela, o animalismo ou a importancia que ten a tecnoloxía nas nosas vidas”. Nese senso, Moreiras puxo o acento en como “a perspectiva que hai 60 anos tiña Philip K. Dick de como podía ser a actualidade non era moi desatinada”. Naquel entón, sinalou, “era un pouco escandaloso” que o protagonista puidese “ter unha relación sexual cunha androide, e hoxe existen robots sexuais”, do mesmo xeito “que hai xente que fala máis con Alexa que con persoas”.

No coloquio, Moreiras a incidiu tamén en aspectos lingüísticos relacionados coa tradución ao galego da novela, “como o uso do xénero para identificar aos androides”, dado que, aínda que estas “son máquinas sexuadas”, o texto orixinal emprega o artigo neutro ‘it’. Pola contra, os animais, cos que é habitual empregar este termo en inglés, si aparecen referenciados como masculinos ou femininos, de tal xeito que este “cambio do artigo” permite observar como a sociedade reflectida na novela “adquiriu a sensibilidade de personalizar máis aos animais, de deixar de tratalos como cousas, mentres que aos androides non”. 

“Unha cultura non pode estar illada”

Egresado da Facultade de Filoloxía e Tradución, onde exerceu como profesor asociado e convidado, Moreiras é responsable da tradución de preto de 30 obras literarias ao galego, entre as que figuran títulos como Pastoral americana, de Philip Roth (Kalandraka, 2013); 1984, de George Orwell (Factoría K, 2011); Indignádevos!, de Stéphane Hessel (Factoría K, 2011), ou O código da Vinci, de Dan Brown (El Aleph, 2004). “Unha cultura non pode estar illada, as culturas teñen que alimentarse unha das outras”, defendeu Moreiras á vez que puxo de relevo como “moitos termos que usamos na vida cotiá foron creados na ficción”. Nese senso, o conferenciante valorou o feito de que existan na actualidade tradutoras e tradutores que permitan levar ao galego directamente textos do xaponés, o alemán ou mesmo o finés, “sen a trampa que se facía antes de empregar unha lingua ponte”, xa que así “non se perden matices, e iso é excelente para o sistema lingüístico galego e para a cultura galega en xeral”. 

Moreiras abordou tamén neste coloquio o seu labor como tradutor de videoxogos, un campo de traballo, sinalou, moi importante na actualidade para as e os profesionais do sector. “Neste momento, os videoxogos facturan máis no mundo que o cine a música xuntos”, lembrou o responsable de traducir nas últimas dúas décadas preto de 30 videoxogos ao castelán.