O ciclo de concertos de Vertixe Sonora Ensemble 'Do Audible' arrancou este martes no campus
Coma espellos dun calidoscopio no que a muller é a protagonista
Coa participación da poeta María do Cebreiro e da compositora Elena Rykova
Con poemas de María do Cebreiro, música Vertixe Sonora Ensemble e pezas de compositoras de diferentes países o ciclo de concertos de Do Audible iniciou este martes no campus de Ourense o seu periplo pola xeografía galega. Baixo o título Coma espellos dun calidoscopio, o concerto pretendía suscitar a reflexión sobre o moitas veces invisiblizado papel da muller na música. Con esta actuación comezou o percorrido dunha iniciativa que, tal e como destacan os seus promotores, procura “achegar puntos de encontro entre a música, a ciencia, a arte e o pensamento contemporáneos na conquista dunha percepción musical máis consciente”.
O programa do concerto celebrado no campus de Ourense, que contou coa colaboración da Vicerreitoría do Campus de Ourense e da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, incluíu as pezas Just shine a little (2014) para violín só, de Anna Romashkova; The square of yellow light that is your window (2014) para saxo, piano, percusión e guitarra eléctrica, de Ann Cleare; Studies in resonance II (2013) para piano só, de Elo Masing; Lai de bisclolet (2008) para saxo e percusión, de Tania Lanfer, e Noch (2016, versión revisada) para saxo, guitarra eléctrica, percusión e piano, de Daniela Fantechi. Entre peza e peza, a escritora galega María do Cebreiro deu lectura a poemas e textos seus. Entre os asistentes estiveron Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense; Anabel G. Penín, directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, e Ignacio Barcia, docente da Facultade de Belas Artes do campus de Pontevedra que colabora no proxecto Do Audible.
O ciclo de concertos Do Audible está promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria coa colaboración de Vertixe Sonora Ensemble, agrupación integrada por destacados solistas de música contemporánea de Galicia e de Portugal, artistas sonoros e plásticos, músicos de jazz, intérpretes clásicos e xente do teatro e da danza. Tras esta estrea en Ourense, a iniciativa continuará o seu percorrido o mércores 22 de xuño no Espacio Sirvent de Vigo, coa sesión Sete derradeiras comidas. A terceira actividade será o 21 de setembro no Museo de Arte Contemporánea Gas Natural Fenosa da Coruña, onde se presentará Microteatro psicopático. Para pechar a súa programación, o ciclo volverá á Universidade de Vigo, neste caso ao campus de Pontevedra, onde o día 4 de outubro, na Facultade de Belas Artes, se desenvolverá a sesión Turbulencias ou a idea de espazo.
