DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A comarca do Carballiño centra o congreso “O home e o medio: Lembranza histórica”

Organizado polo Centro de Estudos Chamoso Lamas, terá lugar entre os días 14 e 16 de marzo

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 04/03/2008

A comarca do Carballiño e do Ribeiro protagoniza o VI Congreso O home e o medio que terá lugar entre os días 14 e 16 de marzo. Co subtítulo Lembranza histórica, o encontro vaise centrar nas diferentes etapas bélicas da historia, sobre todo da Idade Media e da Prehistoria, e para isto acollerá a especialistas de todos os eidos co nexo común do seu ámbito xeográfico de estudo.
O congreso, que terá lugar na Casa da Cultura de Carballiño, é unha das principais iniciativas do Centro de Estudos Chamoso Lamas, que dende a súa constitución en 1994 leva desenvolvendo unha intensa actividade de investigación e divulgación da comarca dende unha perspectiva multidisciplinar. Segundo Juan José Álvarez, secretario do centro, “teñen cabida todos os temas relacionados coa zona, dende o termalismo á alimentación pasando polo sector vitivinícola e ata o automobilismo” explicou.
En canto aos relatorios destacados, dende a organización non queren falar de nomes. “Escapamos de ponentes estrela porque a importancia ten que estar no contido, non nun protagonista. Todos os relatores son investigadores destacados aínda que non sexan moi coñecidos. De todos os xeitos, por destacar algunha intervención en particular, citaría a inaugural, de Julio Prada sobre a etapa que vai da República á represión franquista, e a de clausura, de César Fernández, acerca do viño do Ribeiro” comentou Álvarez.

Excursión polo entorno e cata de viños

Ademais das conferencias, no congreso realizarase tamén unha cata de viños e unha visita guiada por historiadores e especialistas en arqueoloxía. O percorrido final dependerá das condicións climatolóxicas pero, previsiblemente irá ata o castro de San Cibrán de Lás, “un dos maiores da Península Ibérica e lugar clave da minería romana, pois conta con catro xacementos próximos, ademais de estar situado nun entorno espectacular” en palabras do secretario do centro. Os participantes tamén visitarán os mosteiros de Oseira e San Clodio, así coma o Museo Etnográfico de Liste, que conta con máis de 15000 pezas históricas.
En canto á participación, todas as anteriores edicións foron un éxito. En palabras de Juan José Álvarez, “son unhas xornadas moi esperadas porque non hai outras semellantes que abarquen tantos temas dun determinado punto xeográfico dende distintas perspectivas. A acollida sempre é moi boa e este ano non está sendo diferente polo que esperamos que siga a tónica xeral de ir a mellor”.

Últimos días para inscribirse

O número de prazas ofertadas é ilimitado pero o prazo para inscribirse remata o vindeiro luns 10 de marzo. Ademais o centro ofrece a posibilidade de solicitar unha das 40 becas completas de aloxamento e manutención para os días do congreso na residencia de tempo libre do Carballiño. Os interesados só teñen que facer unha petición formal vía email no enderezo centro.estudios.chamoso.lamas@hotmail.com cos seus datos e explicando a súa situación e o persoal do centro avaliará a concesión. Nesta mesma dirección tamén se pode solicitar máis información acerca das xornadas, que, darán dereito aos alumnos da Universidade de Vigo a un crédito de libre elección.