DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Enmarcado no Máster en Dirección e Planificación do Turismo

A comarca do Ribeiro acolle un seminario sobre turismo enolóxico

Terá lugar os días 27 e 28 de maio en Ribadavia

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 26/05/2008

O potencial da enoloxía como complemento turístico nas zonas de interior será o protagonista dun seminario no que os alumnos de primeiro curso do Máster en Dirección e Planificación do Turismo coñecerán de preto a denominación de orixe do Ribeiro. Ao longo das dúas xornadas que pasarán en Ribadavia, os asistentes alternarán leccións maxistrais de expertos do mundo do viño con outras actividades como catas ou visitas guiadas entre as que destacan as da Cooperativa Vitivinícola do Ribeiro, o Museo Galego do Viño, a bodega Viña Meín ou o Club Náutico de Castrelo de Miño.
Este é o segundo seminario etnolóxico que se fai vinculado ao máster, xa que o ano pasado os alumnos desprazáronse á denominación de orixe da Ribeira Sacra onde, segundo o seu coordinador, José Antonio Fraiz, “vivimos unha experiencia moi boa, coñecendo de primeira man todos os elementos implicados no proceso enolóxico”. E é que precisamente o posgrao que se imparte en Ourense está especializado en turismo de saúde e de interior, dentro do que se inclúe o turismo enolóxico que “é un producto complementario das demais variedades turísticas e contribúe en gran medida ao desenvolvemento de determinadas zonas” explicou Fraiz, que engadiu que mentres en Galicia está comezando a medrar, “noutras rexións como en A Rioxa por exemplo, ou noutros países, xa ten unha longa tradición” dixo.

Un completo programa

O seminario, que terá lugar os días 27 e 28 de maio, conta cun completo programa no que teñen cabida “todos os elementos que dalgún xeito teñen relación co viño, especialmente dende un punto de vista turístico e comercial” explicou Fraiz. O feito de realizalo na propia rexión do Ribeiro enlaza coa importancia de “darlle mobilidade aos alumnos polo territorio, aplicando así Boloña en toda a súa extensión, realizando actividades fóra da aula que á vez son complementos de formación” engadiu o director do máster.
Ademais, trátase dunhas xornadas de convivencia para fomentar a interacción entre os participantes combinando os relatorios e as mesas redondas nos que estarán presentes dende catedráticos a sumillers, pasando por representantes de empresas hostaleiras da rexión. Os 15 alumnos do máster terán de xeito gratuíto os desprazamentos, as comidas e o aloxamento pero o seminario está aberto a calquera que estea interesado no tema, eso si, correndo a manutención pola súa conta. Pódese solicitar máis información no enderezo electrónico info@masterturismoourense.es ou no teléfono 988368700.