DUVI

Diario da Universidade de Vigo

CC da Educación e do Deporte acolle este mércores un coloquio coa docente Carmen Quinteiro

Como combater os estereotipos de xénero desde as aulas

A actividade estará centrada en diferentes iniciativas levadas a cabo no CEIP A Xunqueira 1

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Igualdade
  • Académica
DUVI Pontevedra 14/10/2019

“Un neno ou nena de tres anos xa está marcado polos estereotipos de xénero”, salienta a docente do CEIP A Xunqueira 1 Carmen Quinteiro, que este mércores protagonizará un coloquio na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, no que presentará unha serie de exemplos do traballo que desde hai cinco anos desenvolve nesta escola co propósito de combater os estereotipos e roles de xénero nas aulas de Educación Infantil e Educación Primaria. Promovida pola profesora Inés Lareo e financiada pola facultade, esta actividade, aberta tanto ao alumnado do centro como ao profesorado en activo e a calquera persoa interesada, busca así mesmo, explica a súa organizadora, achegar o alumnado dos graos en Educación Infantil e Educación Primaria á realidade das aulas.

O coloquio que a partir das 16.00 horas se desenvolverá no salón de graos da facultade terá nese senso como eixo as diferentes iniciativas que Quinteiro levou a cabo nas aulas do CEIP A Xunqueira I. “A idea é que sexa un coloquio moi didáctico, no que falemos do que está pasando nas aulas no día a día”, salienta esta docente, que pon de relevo a importancia de traballar os “marcados estereotipos de xénero” que poden detectarse xa en nenos e nenas de tres anos, “na roupa que traen, nas súas mochilas ou ata nos cromos”. Nese senso, Quinteiro comezou hai cinco anos a traballar, na etapa de infantil, cun grupo de nenos e nenas cos que continúa desenvolvendo esta serie de iniciativas actualmente, xa como docente de Educación Primaria, e dos que salienta que “teñen xa unha conciencia moi clara do que son os estereotipos”. Así, entre outras cuestións, a conferenciante relatará experiencias como a substitución na aula de “xoguetes estereotipados”, que contribuían á súa vez a unha "clara división no xogo" entre nenos e nenas, por teas de cores, formas xeométricas feitas con las e unha serie de elementos naturais, que supuxeron, explica, “un cambio marabilloso” que posibilitou a que “empezasen a traballar con estes elementos, xerando unhas primeiras representacións simbólicas das cousas”.

A actividade deste mércores, explica Lareo, será o quinto coloquio de Quinteiro co alumnado da facultade, sempre co obxectivo de que as alumnas e alumnos poidan ter “unha idea realista do seu futuro traballo”. De feito, tras abordar en anos anteriores cuestións como o traballo cunha intérprete de lingua de signos nas aulas, a temática deste coloquio defínese tamén, explica a promotora desta actividade, polas propias preguntas e preocupacións que o alumnado da facultade lles trasladou en anteriores coloquios.