DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ciencias da Educación e do Deporte acolle unhas xornadas de formación neste eido

Como combater os estereotipos de xénero desde a didáctica das artes

A expresión arística, corporal ou musical foron abordadas nos seus diferentes talleres

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Arte
  • Congresos e xornadas
  • Igualdade
  • Música
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 12/04/2019

Achegar ao alumnado da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte unha serie de experiencias e recursos que desde as aulas permitan rachar cos estereotipos de xénero que, a día de hoxe, persisten no eido educativo é o obxectivo das xornadas Didáctica da expresión artística desde a perspectiva de xénero, que este venres se desenvolven na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Organizadas polas investigadoras do grupo Gies 10 Myriam Alvariñas e Rut Martínez, co patrocinio da Unidade de Igualdade da Universidade, estas xornadas de formación en xénero buscan trasladar ao alumnado unha serie de “patróns de actuacións docente e estratexias didácticas activas e participativas” nos ámbitos da expresión plástica, musical, corporal e da dramatización, co propósito de achegarlles “unha visión global da didáctica das artes desde a perspectiva de xénero”, explican as súas organizadoras. 

“A mirada que se presenta na escola sobre as mulleres e os homes e as súas relacións sociais en moitas ocasións é parcial e estereotipada, reproducindo a primacía do masculino sobre o feminino”, lembrou Martínez na apertura das xornadas, na que incidiu no valor das artes como un campo de coñecemento que permite “pensar criticamente sobre a construción das nosas identidades”. Articuladas en seis seminarios, impartidos por docentes das res universidades galegas e da Complutense de Madrid, estas xornadas buscan nese senso pór de relevo que “en calquera tipo de ensinanza é fundamental que os contidos se aborden desde unha perspectiva de xénero, para facilitar que na escola se poidan ter recursos para conseguir unha sociedade máis igualitaria”, engadiu Alvariñas. 

Das cancións infantís e o bordado ás mulleres nos museos

Al pasar la barca me dijo el barquero, las niñas bonitas no pagan dinero. Este foi un dos exemplos de como o cancioneiro popular infantil traslada a nenos e nenas unha serie de estereotipos que a profesora da USC Sara Domínguez analizou no primeiro taller das xornadas, centrado en abordar desde un "espírito crítico" cancións “que moitas veces se utilizan nas aulas e coas que os nenos seguen repetindo inconscientemente unha serie de estereotipos”, así como en presentar unha serie de estratexias para modificar estas letras e que “poidan lanzar outro tipo de mensaxes”. Por outra banda, no segundo taller, que levaba por título Non é só unha cuestión de mulleres cando de fiar se trata, Rut Martínez propuxo unha reflexión sobre “por que o bordado se considerou unha arte menor, xa que estaba relacionado co feminino” para a partires de aí levar a cabo unha “microacción artística” na que as e os participantes facían uso desta técnica para crear unha mensaxe coa que “cuestionar eses estereotipos”. 

As xornadas contaron tamén coa participación da profesora de Universidad Complutense de Madrid, Marián López, que abordou dous dos proxectos desenvolvidos polo seu grupo de investigación co propósito de impulsar, desde a educación artística, unha idea da arte como "elemento de desenvolvemento persoal e humano que te relaciona cos demais”. Ese é o propósito da serie de 21 guías que realizaron para educación primaria e nas que, a partir de diferentes temáticas e artistas, abordan “a arte como coñecemento, como expresión, como vínculo e como transformación”, explicou a investigadora tras presentar a investigación que serviu como punto de partida para este proxecto e na que analizaron preto de 2000 debuxos de nenos e nenas, relacionados cos conceptos de loita e de axuda. "Unha das conclusións era que practicamente desde a primeira socialización, a maioría dos nenos e nenas asocian á violencia aos homes”, salientou a investigadora, que presentou tamén neste coloquio o proxecto que, co apoio do Ministerio de Cultura, levou a este grupo a realizar "unha análise dos principais museos” para a partires de aí definir, para espazos como o Museo do Prado ou o Reina Sofía, os que “foron os primeiros itinerarios que se fixeron en Europa que valoraban a presenza das mulleres” neses espazos expositivos.

Rachando estereotipos desde a expresión corporal

Pola tarde, esta xornada continúa co taller no que a investigadora e profesora de dramaterapia Sara Fernández Aguayo se vale de técnicas teatrais para promover unha reflexión sobre os estereotipos de xénero e as desigualdades sociais, seguida pola sesión na que Myriam Alvariñas pon o foco na importancia que as cuestións de xénero teñen na educación física. “Do que se trata é de abordar estratexias e recursos para, fundamentalmente desde os contidos e a metodoloxía, desenvolver unha educación física que axude a que tanto nenos e nenas teñan igualdade de oportunidades e as mesmas perspectivas de alcanzar o éxito nas clases”, salienta esta docente, quen con ese propósito porá sobre a mesa diferentes exemplos sobre como abordar nesta materia “contidos que son considerados tipicamente masculinos ou tipicamente femininos”. Por último, a profesora da Universidade da Coruña Cristina López Villar pechará as xornadas cunha abordaxe da expresión corporal desde a perspectiva de xénero, na que a través de diferentes dinámicas, propostas de expresión corporal e da análise de vídeos, buscará que o alumnado “poña os lentes violetas” na análise de prácticas que contribúen “a reproducir unha educación machista”, co propósito de “deconstruílas e crear outro tipo de dinámicas".