DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O vindeiro luns nunha xornada coordinada pola profesora Iria Vázquez Silva

Comercio convida o alumnado da UVigo a unirse ao debate sobre o poscrecemento

Contarase coa participación de tres dos especialistas do Post-Growth Innovation Lab da UVigo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Académica
D. Besadío DUVI 22/11/2022

Este ano cumpríronse 50 anos da publicación do informe Os límites do crecemento, un libro clave no que, de xeito pioneiro, o grupo de Dinámica de Sistemas do Instituto Tecnolóxico de Massachusetts, en Cambridge, concretou e modelizou a afirmación de que o crecemento infinito é imposible nun planeta con recursos finitos. Eles foron os primeiros en falar de que o continuo crecemento económico e demográfico esgotaría os recursos da Terra e provocaría o colapso económico mundial. Moitas cousas pasaron desde esa impactante mensaxe ao mundo, pero, en plena situación de emerxencia climática, o debate segue máis vivo que nunca. 

Neste contexto, desde a Facultade de Comercio están a organizar para o vindeiro luns día 28 de novembro a Xornada Introdución ao Poscremento, “un lugar de reflexión académica e interdisciplinar sobre o poscrecemento e a análise de modelos económicos que poidan conxugarse desde unha perspectiva crítica co crecemento ilimitado”, explica a profesora Iria Vázquez Silva, coordinadora da xornada, quen fai fincapé en que, se ben esta actividade está pensada para o alumnado da propia facultade, abren tamén o convite ao resto de estudantes da UVigo e a todas as persoas interesadas nesta temática.

O obxectivo da xornada é abordar as diferentes problemáticas que emerxen da idea de crecemento. “En liñas xerais discutirase a imposibilidade dun crecemento infinito e diferentes problemas sociais asociados á busca constante de crecemento económico”, recalca a coordinadora, docente da materia de Socioloxía do Consumo, ao que engade que, posteriormente, se abrirá “un espazo no que as persoas participantes poidan imaxinar como serán as sociedades poscrecentistas”.

Tres visións sobre como acadar sociedades máis igualitarias respectando os límites ecolóxicos

Coordinado pola profesora Vázquez Silva, o debate contará coa participación de tres dos especialistas do Post-Growth Innovation Lab da Universidade de Vigo, un grupo internacional e interdisciplinario cun interese de investigación común: “permitir unha transición ecolóxica sostible, inclusiva e xusta que se afaste do modelo económico explotador que existe na actualidade”, tal e como explican na propia web do grupo, onde tamén subliñan que, ao combinar varias liñas de investigación, o grande obxectivo do laboratorio é “brindar enfoques novidosos, relevantes e multifacéticos a algunhas das ameazas máis complexas para o futuro colectivo”.

Nesta ocasión participarán na xornada Brais Suárez Eiroa, Poonam Pandey e Antía Puentes Corral. No caso de Suárez Eiroa, enxeñeiro industrial de formación e investigador de posdoutoramento neste laboratorio, a súa investigación céntrase nos límites do popular concepto de economía circular para promover sociedades máis igualitarias respectando os límites ecolóxicos. Pola súa banda, Poonam Pandey foi docente de política pública e desenvolvemento sostible na Universidade Flame e no Indian Institute of Science e agora exerce como investigadora de posdoutoramento María Zambrano neste laboratorio, onde realiza un traballo de investigación  interdisciplinar no que aborda cuestións de ciencia, tecnoloxía, innovación e desenvolvemento. 

Completa o cadro de poñentes Antía Puentes Corral, graduada en Ciencia Política e da Administración e doutoranda neste laboratorio. As súas liñas de investigación son a reprodución da ideoloxía do crecemento e a súa plasmación no día a día, especialmente na institución educativa.