DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os carriños para deixar as doazóns están na entrada dos diferentes edificios do campus

Comeza a campaña solidaria de recollida de alimentos, xoguetes e libros

Está aberta ata o 14 de decembro

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Divulgación
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI Ourense 27/11/2018

Cando está a piques de comezar o mes de decembro, a Vicerreitoría do Campus de Ourense volve un ano máis a pór en marcha a recollida solidaria de alimentos, xoguetes e libros para axudar ás familias máis necesitadas a ter un mellor Nadal. Ata o día 14 de decembro, os membros da comunidade universitaria poden deixar as súas doazóns nos espazos habilitados á entrada de cada edificio universitario.

A campaña de recollida foi presentada este martes no campus de Ourense por Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense; Cecilio Santalices, presidente do Banco de Alimentos de Ourense; Vicky Rodríguez, de Cruz Vermella Ourense; Nerea Álvarez, de Amencer, e Isabel Gómez, da Oficina de Voluntariado do campus. Lembrando como esta colaboración xa é un tradición, as e os representantes das entidades implicadas amosaron o seu desexo de que a campaña deste ano volva ser un éxito e se superen as cifras da última edición, animando á comunidade universitaria a un ano máis a participar nesta iniciativa solidaria. “É unha hora colaborar neste tipo de iniciativas tan necesarias nos tempos que estamos a vivir”, destacou pola súa banda a vicerreitora do campus de Ourense.

Os alimentos recollidos serán entregados ao Banco de Alimentos e os libros e xoguetes a Cruz Vermella e á Asociación Xuvenil Amencer. Seguindo as indicacións de anos anteriores, as entidades que xestionarán as doazóns indican que preferentemente necesitan aceite, leite, conservas, alimentos infantís e, dadas as datas, produtos típicos do Nadal. No caso dos xoguetes e libros indícase que poden ser novos ou xa usados pero teñen que estar en bo estado e ser non bélicos e non sexistas. Os puntos de recollida de ambos produtos están habilitados nas entradas do edificio Xurídico-Empresarial, a biblioteca, o pavillón de deportes, o edificio Politécnico e o Edificio de Ferro. Nos carriños habilitados tanto os membros da comunidade universitaria coma os cidadáns en xeral poden deixar as súas doazóns.

Olimpíada Solidaria ata o 5 de decembro

Desde a Oficina de Voluntariado do campus tamén lembran que ata o 5 de decembro está en marcha a Olimpíada Solidaria de Estudo, unha acción de sensibilización e solidariedade internacional a través da cal as horas de estudo das persoas participantes son transformadas por empresas colaboradoras en diñeiro para proxectos de cooperación ao desenvolvemento. Nesta ocasión, coas horas de estudo reunidas polos participantes apoiarase a construción de aulas de Educación Primaria na escola Arco Iris de Saly Velingara, en Senegal. Organizada por ONG Coopera, Cooperación Internacional e ACTEC, a Olimpíada segue este ano a mesma dinámica de edicións anteriores. As persoas que desexen participar nela só terán que apuntar nun espazo habilitado na entrada da Biblioteca Rosalía de Castro do campus o número de horas de estudo realizadas. Cada hora “doada” será transformada polas entidades patrocinadoras nun euro para financiar proxectos de cooperación ao desenvolvemento.