DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Destinaranse a Banco de Alimentos, Cruz Vermella e Amencer

Comeza no campus a campaña solidaria de recollida de alimentos, xoguetes e libros

Alumnado de Educación e Traballo Social tamén se solidariza coas persoas afectadas pola DINA

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Institucional
DUVI Ourense 26/11/2024

Este martes arrancou no campus de Ourense a campaña solidaria de recollida de alimentos, xoguetes e libros polo Nadal. As persoas interesadas, sexan ou non membros da comunidade universitaria, xa teñen á súa disposición nos principais edificios universitarios os carriños solidarios nos que depositar as súas doazóns.

Ata o 13 de decembro

A iniciativa é froito da colaboración da Vicerreitoría do Campus de Ourense co Banco de Alimentos, Cruz Vermella e a Asociación Xuvenil Amencer. Os carriños están situados na entrada dos edificios do campus (Xurídico-Empresarial, biblioteca, pavillón de deportes, edificio Politécnico e Edificio de Ferro) ata o 13 de decembro. Seguindo as indicacións de anos anteriores, as entidades que xestionarán as doazóns sinalan que precisan alimentos non perecedoiros, como conservas, aceite, leite, galletas, alimentación infantil e, dadas as datas, produtos típicos do Nadal. No caso dos xoguetes e libros indícase que poden ser novos ou xa usados pero teñen que estar en bo estado e ser non bélicos e non sexistas, facendo fincapé na necesidade de que tamén se entreguen xoguetes e libros destinados a mozas e mozos. Os alimentos recollidos serán entregados ao Banco de Alimentos e os libros e xoguetes a Cruz Vermella e á Asociación Xuvenil Amencer.

No lanzamento da campaña este martes participaron Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense; Cecilio Santalices, presidente do Banco de Alimentos de Ourense; María Veiga, coordinadora provincial de Xuventude da Cruz Vermella Ourense, e Noemí Iglesias, técnica da Asociación Xuvenil Amencer. As e os representantes das entidades animaron a alumnado, persoal docente e investigador e persoal de administración e servizos e cidadanía en xeral a pór o seu grao de area nesta iniciativa e contribuír a que os que menos teñen poidan ter un mellor Nadal. Igualmente destacaron a importancia de accións coma esta para contribuír á concienciación e o fomento da solidariedade entre a comunidade universitaria.

Recollida para Valencia

Tamén este mércores 27 e xoves 28, a Delegación de Estudantes da Facultade de Educación e Traballo Social recollerá materiais para doar a Valencia en apoio ás persoas afectadas pola DINA, Depresión Illada en Niveis Altos). A recollida terá lugar na entrada do Edificio de Ferro do campus, en horario de 9.00 a 13.00 h e de 16.00 a 20.00 h. Desde a organización sinalan que as doazóns deben ser de cousas como material de traballo ou escolar, produtos de hixiene, mantas, medicamentos básicos, etc, non de alimentos.