DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este ano a cita será o 28 de abril

Comeza a conta atrás para a celebración no campus da HappyGoRunning

David García impartiu unha charla na que deu as claves para preparar a carreira

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Deportes
  • Deportes
DUVI 31/01/2019

A HappyGoRunning-10 km Cidade Universitaria, incluída no Circuíto RunRun Vigo de Carreiras Populares, será este ano o 28 de abril. Quedan aínda tres meses por diante pero dende a Área de Benestar, Saúde e Deporte comezaron xa a organizar actividades coas que ir preparando á comunidade universitaria para chegar a esta cita o mellor preparados posible. A primeira destas actividades foi a charla Falemos de running impartida este xoves na sala cardio fitness do pavillón universitario por David García Oterino, xerente e fundador do centro de adestramento persoal DGO.

Foi unha sesión eminentemente práctica e dinámica de arredor dunha hora de duración na que García Oterino interactuou en todo momento coa media ducia de persoas asistentes, que tiveron ocasión na charla de realizar tamén algúns exercicios prácticos. Falouse das diferentes técnicas de carreira, das lesións máis comúns e como evitalas, da planificación deportiva e dos test de rendemento, así como da nutrición máis axeitada para as persoas que practican deporte.

“A primeira causa das lesións nos corredores é non ter realizado unha adecuada preparación física”, explicou David García, quen centra a súa actividade profesional en cuestións relacionadas co adestramento, recuperación, nutrición e preparación deportivas. “Ademais disto, moitas veces as lesións tamén veñen por empregar unha técnica de carreira incorrecta, por un quilometraxe excesivo ou, incluso, por un calzado inadecuado”, indicou o experto.