DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Comeza o prazo para inscribirse nas Escolas Deportivas e rematan as ligas universitarias

A oferta de cursos inclúe dende aquafitness ata remo pasando polo ioga ou o kick boxing

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Marta Casanova DUVI 22/01/2008

Xa está aberto o prazo para os membros da comunidade universitaria que desexen inscribirse no segundo cuadrimestre das Escolas Deportivas. A Universidade ofrece unha ampla proposta de actividades e concretamente o campus de Ourense en colaboración con diferentes ximnasios e institucións da cidade ofrece aerobic, aerobox, aquafitness, bailes de salón e latinos, boot camp, boxeo, capoeira, danzas orientais, golf, ioga, iudo, jiu-jitsu, karate, kick boxing, natación, pilates, remo, tai-chi, vela, voleibol, wu shu e xadrez.
O prezo das actividades oscila entre os 10 euros do curso de catro sesións de iniciación ao golf e os 50 euros das clases de pilates. A matrícula deberá formalizarse ata o 12 de febreiro no SIOPE ou no Pavillón de Deportes presentando o xustificante de pertencer á comunidade universitaria, o de pago e o formulario de inscrición.

Rematan as ligas universitarias

En canto ao resto da actividade deportiva do campus, esta semana rematan as ligas universitarias Intercampus. O único requisito para inscribirse nestas competicións internas era formar un equipo composto por alumnos de calquera facultade e así o fixeron máis de 50 conxuntos entre fútbol sala, fútbol 7 e baloncesto.
O martes terá lugar a final de fútbol 7 no Pavillón dos Remedios entre os equipos LK Inmunitas e Andallaxis. O mércores será a quenda do baloncesto, cun último partido entre os dous mellores conxuntos da liga: o James Peixon e o Fuma-Tus. Por último, o xoves rematará o torneo de fútbol sala coa final entre AC Cesena e Maxisterio Team.
Os vencedores competirán contra os equipos dos outros campus da Universidade de Vigo e os gañadores desta final enfrontaranse ás demais universidades no Campionato Galego Universitario.
As arbitraxes de todos os encontros corren a cargo dos bolseiros de colaboración do Servizo de Deportes.
Unha vez finalice o Intercampus comezará o chamado Intercentros, onde os equipos teñen que pertencer á mesma facultade e no que a competición se realiza en forma de copa, non de liga.