DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dende esta fin de semana e ata o 17 de xullo estarán dispoñibles de 09. 00 h a 21.00 h

Comezan os horarios especiais de apertura da Biblioteca Universitaria co gallo dos exames

Tamén haberá nocturnos ampliados ata as 03.00 h entre semana, agás os festivos

Etiquetas
  • Estudantes
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Estudantado
  • Académica
DUVI 12/05/2022

De cara á preparación dos exames do segundo cuadrimestre, a Biblioteca Universitaria activa os horarios especiais de apertura nos tres campus a partir da próxima fin de semana. Así, como vén sendo habitual, as bibliotecas centrais de cada un dos tres campus, xunto coa de Torrecedeira, en Vigo, abrirán nas fins de semana entre este 14 de maio e o 17 de xullo, ademais dos festivos do Día das Letras Galegas, 17 de maio, e San Xoán, 24 de xuño. Farano, en todos os casos, cun horario ininterrompido de 09.00 horas a 21.00 horas.

Durante estes horarios de fin de semana, as bibliotecas só prestarán servizo de espazo de estudo, pero non outros servizos ordinarios como préstamo, préstamo interbibliotecario, acceso a recursos electrónicos etc.

Horarios nocturnos

Xunto coas aperturas nas fins de semana, as bibliotecas centrais de Ourense e Pontevedra e a de Torrecedeira (non así a Central de Vigo) tamén ampliarán o horario ordinario de luns a venres entre o 16 de maio e o 15 de xullo, con excepción dos festivos, que abrirán co horario especial da fin de semana. Así, as tres bibliotecas permanecerán abertas ata as 03.00 horas da madrugada prestando espazos de estudo, pero o resto de servizos que se ofertan durante o resto do día.

O resto das bibliotecas dos campus continuarán abrindo no seu horario habitual, de 08.30 h a 20.45 horas, con excepción da Central de Vigo, que pecha ás 21.00 horas. 

Medidas de seguridade

Tras o decreto que elimina a obrigatoriedade do uso de máscaras en interiores, o Comité Covid da Universidade de Vigo aprobou unha serie de medidas, que pasan pola recomendación do seu uso no interior das bibliotecas, tanto por parte das persoas traballadoras como por parte das persoas usuarias.
O uso do cubrebocas si será obrigatorio nos ascensores e para as persoas que presenten síntomas compatibles coa covid ou que teñan dado positivo nun test, así como para o persoal que atenda ao público.

Por outra banda, seguen en vigor as medidas de ventilación (10 minutos cada hora) e as medidas hixiénicas persoais de desinfección e lavado de mans e protección ao tusir e espirrar.