20 persoas participan na formación, que recibiu 150 solicitudes
Comezou o curso de iniciación á lingua xaponesa superando amplamente a oferta de prazas
Dsesenvolveranse unha ducia de sesións en liña
A Vicerreitoría de Internacionalización, a través da Área de Plurilingüsimo, ofrece ata o vindeiro 21 de maio un curso de iniciación á lingua xaponesa, no que participan unha vintena de integrantes da comunidade universitaria, entre alumnado, PDI e PTXAS. “O elevado interese xerado pola convocatoria deste curso reflíctese nas preto de 150 solicitudes recibidas, procedentes tanto de estudantado como de persoal docente e investigador (PDI) e persoal técnico, de xestión e de administración e servizos (PTXAS)”, explica Óscar Ferreiro, director da Área de Plurilingüismo da UVigo.
Desde o pasado 13 de abril e ata o 21 de maio as persoas que participan no curso gratuíto achegaranse aos fundamentos da lingua xaponesa a través e 12 sesións en liña, de dúas horas de duración, cada unha. Aínda que a UVigo xa introduciu en varias ocasións o xaponés no seu catálogo formativo de linguas, “este curso nace como resposta directa a unha consulta previa realizada á comunidade universitaria e os resultados amosaron unha clara preferencia polo xaponés, seguido do coreano e do catalán, por esta orde”, enumera Ferreiro.
Unha nova edición para dar resposta á elevada demanda
A notable demanda rexistrada evidencia, segundo o director da Área de Plurilingüismo da UVigo o interese crecente pola aprendizaxe de linguas e culturas internacionais, “así como o compromiso da Universidade coa internacionalización e a diversidade lingüística”.
Perante a demanda amosada pola comunidade universitaria ante esta iniciativa, a Vicerreitoría de Internacionalización está a valorar xa a posibilidade de organizar unha segunda edición do curso co obxectivo de dar resposta ao elevado número de solicitudes e facilitar o acceso a un maior número de persoas interesadas.
