DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha iniciativa inserida no proxecto Plataforma ODS, do Post-Growth Innovation Lab

O Comité Cidadán polo Clima traballa en propostas para promover un consumo de alimentos máis sostible en Pontevedra 

Integrado por 16 persoas de diferentes perfís e idades

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI Pontevedra 25/05/2026

Un total de 16 veciñas e veciños de Pontevedra, con perfís diversos, integran o Comité Cidadán polo Clima, que traballa na definición dunha serie propostas dirixidas a diminuír, a unha escala municipal, o impacto ambiental que ten o modelo de consumo de alimentos. Fano ao abeiro dun proxecto piloto impulsado polo grupo de investigación Post-Growth Innovation Lab, coa colaboración do Concello de Pontevedra, inserido no proxecto Plataforma ODS, que conta co financiamento do Ministerio de Derechos Sociales, Consumo y Agenda 2030.

O desenvolvemento de iniciativas formativas centradas no etiquetado dos produtos alimentarios, a organización de eventos dirixidos a promover o consumo de produtos de proximidade, o impulso de hortas urbanas ou a difusión dunha relación de produtores locais de alimentos de tempada forman parte das propostas abordadas na última xuntanza deste comité, celebrada na Escola de Enxeñaría Forestal. Este encontro contou tamén coa participación da concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, quen puido coñecer “as propostas nas que traballaron nas diferentes mesas”, inseridas á súa vez nas “liñas xerais de actuación” definidas en reunións previas, explican desde o grupo de investigación. Deste xeito, esta iniciativa permitiu aos e ás integrantes deste comité coñecer máis ao detalle cales das accións propostas corresponderían “ás competencias do Concello”, o que levaraos agora a traballar “en establecer unha lista de accións piorizadas”, tendo en conta a súa viabilidade á hora de que poidan ser postas en marcha desde a administración municipal.

Unha iniciativa pioneira

Presentado como unha “iniciativa pioneira en Galicia”, este Comité Cidadán polo Clima insírese nun proxecto que ten como obxectivo promover os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da Axenda 2030 a escala local. Coordinado por Brais Suárez, as integrantes do Post-Growth Innovation Lab Cristina Míguez, Susana Bastón e Cristina Vázquez completan o equipo de traballo dun proxecto no que se insire este “proxecto piloto” de ciencia cidadá, centrado na xeración de medidas e recomendacións dirixidas a abordar a crise climática, a través de metodoloxías participativas.

Con encontros mensuais, o Comité Cidadán polo Clima definira previamente “doce propostas sobre alimentación e cambio climático” na reunión de abril, que tivo lugar dentro do Foro de Desenvolvemento Local levado a cabo no IES Luis Seoane. Esta reunión, explica Vázquez, contou tamén coa participación do alumnado e profesorado deste instituto, “que está a desenvolver proxectos de ciencia cidadá no marco do proxecto”, e viuse continuada este mes por un traballo xa orientado a transformar esas propostas iniciais en “accións específicas e acadables”.

Xa no mes de xuño, terá lugar a última reunión deste comité, na que acabarán “de concretarse as accións específicas” ideadas a partir destas propostas e que se trasladarán ao “informe de recomendacións que se xerará como resultado de todas estas sesións e que se lle facilitará ao Concello”, explica Vázquez. Finalmente, xa despois do verán, esta iniciativa completarase coa organización dunha “xornada aberta a toda a cidadanía para presentar estas recomendacións”.

Plataforma de seguimento dos ODS

Alén desta iniciativa, un dos obxectivos centrais do proxecto é a elaboración dunha plataforma dixital aberta que permita o seguimento do grao de implantación dos ODS en municipios de toda España. Segundo indican desde o Post-Growth Innovation Lab, trátase dunha “plataforma aberta á colaboración, na que os propios concellos, así como outras entidades ou colectivos, poderán achegar datos sobre os diferentes indicadores” definidos para avaliar o grado de implantación de cada ODS. “Estamos ultimando os detalles coa idea de facela pública ao longo do mes de xuño”, sinalan desde o equipo investigador, que indica que esta plataforma contará en primeiro termo cos datos obtidos a través de fontes oficiais e, a partir de aí, buscará ir nutríndose da información que acheguen “diversas fontes”, desde as propias administracións locais, a “proxectos de investigación ou de ciencia cidadá”.