DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dentro das actividades do programa ISEP

Un comité de profesores de universidades dos EE.UU. visita o campus de Vigo

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Romina Vázquez DUVI 24/10/2007
Unha representación de profesores de universidades estadounidenses que participan no programa ISEP están percorrendo España para coñecer as nosas costumes, estilo de vida e as actividades académicas de universidades que tamén colaboran neste proxecto de intercambio de estudantes. Vigo, Santiago, Navarra e Alfonso X son a universidades elixidas por este tour que nestes días se achega ao campus.
Eva Garea, técnica superior da ORI, e Iván Area, vicerreitor de Relacións Institucionais, encargáronse de dar a benvida ao grupo, que se mostrou encantado durante o percorrido polo cidade universitaria. Visitaron o edificio da Reitoría, a facultade de Ciencias Económicas e Empresarias e a ETS de Enxeñeiros de Telecomunicación, onde os sete membros do comité coincidiron en destacar a variedade de titulacións ofrecidas, a calidade das instalacións e o bo ambiente existente no campus, que ao estar afastado da cidade resulta tranquilo e calmo. Precisamente, o feito de que exista unha zona académica central, illada do centro urbano, é un punto a favor da adaptación dos estudantes estranxeiros, xa que “é un campus ao estilo americano”, tal como afirmou Noah Rost, procedente da universidade de Tennessee, en Knoxville.
Por outra banda, moitos estudantes americanos dubidan á hora de vir a Vigo pola barreira do idioma, saben que se fala galego, pero non están seguros de que tamén se fala castelán. Así, “o obxectivo desta visita é ampliar o coñecemento do ámbito universitario para poder aconsellar mellor aos estudantes e resolver os problemas que se poidan presentar”, segundo comentou Janis Halpern, docente da Indiana State University.

Programa ISEP

Estes profesores proceden de centros dos EEUU que xa enviaron e recibiron estudantes da Universidade a través do ISEP, un programa no que Vigo ten asignadas quince prazas anuais ou trinta dun semestre. Eva Garea lamentou que este intercambio non poida ir acompañado do transvase de docentes, xa que “non existe un programa que financie a estancia de profesores españois para impartir clase en América”.