DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa presenza da conselleira de Educación

A commemoración de San Tomé enaltece a excelencia investigadora

Timothy J. Kehoe foi investido Doutor Honoris Causa

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 01/02/2008

“Gran festa do mérito académico” con estas verbas resumiu Alberto Gago, reitor da Universidade de Vigo, o acto conmemorativo da festividade do San Tomé de Aquino e a investidura como Doutor Honoris Causa de Timothy J. Kehoe, catedrático de Economía da Universidade de Minnesota e asesor do Fondo Monetario Internacional e da Reserva Federal de Minneapolis, entre outros méritos.
O recoñecemento aos mellores titulados da institución, “selecto grupo no que as nosas sociedades teñen depositadas as súas esperanzas de progreso”, en verbas de Alberto Gago, e o doutoramento Honoris Causa, “máxima expresión da excelencia académica”, foron os dous eixes sobre os que xirou unha das máis importantes tradicións universitarias, o San Tomé.
A cerimonia, que tivo lugar no salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, contou coa participación de numerosas autoridades académicas, entre as que compre destacar a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón, así como, os ex-reitores, os vicerreitores, numerosos decanos e directores de centros e diversos persoeiros da vida política e social galega como Emilio Atrio, presidente do Consello Social, ou Xesús López e Iolanda Veloso, concelleiros vigueses.

Kehoe, un “embaixador económico”

O reitor subliñou a inmensa valía do novo Doutor Honoris Causa, Timothy Kehoe, do que considerou “se atopa na cima da excelencia científica” e ao que se referiu como “un investigador de categoría mundial, pero coa ilusión intacta dos que apenas comezan”. Neste último aspecto tamén fixo fincapé o profesor Jose Mª da Rocha, padriño do novo doutor, quen salientou que “máis de cen economistas españois se beneficiaron dos méritos deste profesor”, “alguén sempre disposto a seguir aprendendo, investigando e asesorando a empresas e gobernos, e grazas ao que algúns dos mellores macroeconomistas de Europa se dan cita na nosa Universidade”.
No seu relatorio Timothy Kehoe, calificado como “embaixador económico” polo Monday Business, tentou explicar algunhas das causas das grandes depresións, empregando como exemplos os casos de México e Chile “países que entraron en profunda crise a principios da década de 1980 pero que tiveron evolucións moi distintas”.
As referencias a España tamén estiveron presentes na intervención do novo Doutor Honoris Causa, quen non dubidou en afirmar que “desde 1995 ata hoxe España non tivo crecemento en produtividade”.
Unha vez rematada a súa intervención, o reitor fíxolle entrega de varios atributos, habituais neste tipo de nomeamento: o libro da ciencia e sabedoría, o anel e as luvas brancas, “como símbolo da vosa altísima dignidade”.
O reitor sinalou a Kehoe como exemplo a seguir polos premios extraordinarios fin de carreira e de doutoramento e destacou tamén “a calidade intelectual, esforzo e tesón” dos premiados, aos que se referiu como “as mentes máis dotadas e arriscadas e as persoas máis dispostas a pelexar polo futuro do seu país”.

- Timothy J. Kehoe:“Debemos estudar o estancamento da produtividade, porque esta é a causa das grandes crises económicas”

- Triúnfan as mulleres e os ámbitos científico e tecnolóxico na entrega dos Premios Extraordinarios