DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Docentes do Departamento de Filoloxía Galega participan hoxe nunha xeira na FFT

Compartindo experiencias, xerando ideas e abrindo novas vías de colaboración polo futuro do galego

Durante toda a xornada abordaranse os retos do idioma e do Departamento

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Lingua Galega
  • Académica
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 17/12/2025

Unha ducia de docentes reflexionan ao longo do día de hoxe sobre o futuro e os retos do Departamento de Filoloxía Galega e Latina da UVigo nunha xeira que, impulsada polo director da Área de Normalización Lingüística, Benigno Fernández Salgado, se suma ao seminario e ao simposio, celebrados nos campus de Ourense e Pontevedra, respectivamente, co obxectivo de afondar na presenza do galego en diferentes ámbitos e promover o emprego da lingua en calquera campo do saber.

O salón de graos da Facultade de Filoloxía e Tradución acolle durante todo o día as presentacións, duns vinte minutos de duración, teóricas ou prácticas do profesorado, co obxectivo de definir cara onde evolucionar. Historia e discurso, coa participación de Manuel Forcadela, Benigno Fernández Salgado, Alexandre Rodríguez e Xosé María Gómez Clemente; educación, literatura e lingua coas intervencións de Alicia Sentí, Ana Acuña e Mercedes González; lingua e sociedade con Ana Iglesias e Xosé-Henrique Costas e arte, cultura e investigación, coa participación de Verónica Pousada, Burghard Baltrusch e Xosé A. Fernández Salgado, son as mesas que se desenvolverán ao longo da xornada, que tamén inclúe, ante da clausura unha conferencia de Alberto Pombo titulada Pensar o porvir da filoloxía galega.

“A organización contou coa suma de esforzos entre o Departamento  de Filoloxía galega e a Área de Normalización Lingüística, coa vontade común de promover o uso e prestixio do galego na nosa universidade”, destaca Benigno Fernández, que sinala como reto que enfronta a Filoloxía Galega o de situarse no marco das humanidades dixitais “fomentando a interdisciplinariedade e a investigación sobre a relación entre humanidades e tecnoloxías. O futuro da disciplina está ligado ao presente da lingua”. Para o director de ANL garantir a continuidade do galego require compromiso institucional, financiamento para a normalización e “na nosa universidade, a implementación dun protocolo de usos lingüísticos que incorpore progresivamente o galego nas titulacións. Neste proceso, a Filoloxía Galega é unha peza indispensable”, asegura Fernández.

Posta en valor do Departamento

O secretario de Departamento de Filoloxía Galega e Latina Manuel Forcadela foi o encargado de inaugurar a xeira, xunto á vicerreitora de Extensión Universitaria, Susana Reboreda, e o decano da Facultade de Filoloxía e Tradución, José Montero. “Foi un acerto imprescindible que esta universidade, que comeza a ser punteira en determinados aspectos da súa produción, contase desde o principio cun departamento de Filoloxía Galega e Latina destinado a fomentar o coñecemento sobre a  lingua e a cultura do país, tamén sobre literatura”, dixo Forcadela, que celebrou a existencia dun grupo de profesores de profesoras dedicados a estas tarefas.

Pola súa banda, a vicerreitora de Extensión Universitaria, Susana Reboreda, gabou a iniciativa do director de ANL, que contou para desenvolvela coa colaboración das docentes Alicia Sentí e Mercedes González. “Visibilizar o traballo que se está facendo en galego e máis no Departamento e na Facultade paréceme fundamental”, dixo a vicerreitora, que destacou a importancia de incorporar “aires novos” á difusión da lingua galega para chegar á mocidade. “Sabemos que non estamos no noso mellor momento e temos que seguir aí e este é o xeito de demostralo”, dixo Reboreda.  

O decano da FFT manifestou a súa ledicia pola celebración da xeira no seu centro, que destacou conta “cun cadro de profesorado experto en filoloxía galega como é difícil atopar en ningunha outra universidade”