Este mércores arrancou a inscrición desta nova edición, que se celebrará o 25 de abril
A Competición de Robots da Escola de Enxeñería Industrial cumpre dez anos con novos premios e moitas sorpresas
En 2024 participaron medio milleiro de estudantes de 28 centros das catro provincias
Convertida xa nunha das grandes citas da Escola de Enxeñería Industrial e en todo un referente a nivel galego, este mércores abriuse o prazo para unha nova edición da Competición de Robots, unha cita que este ano cumprirá dez anos, un aniversario que se celebrará con novos premios, sorteos e tamén “algunha que outra sorpresa reservada para o propio día da competición, o 25 de abril”, explica o director da escola, José Fariña.
En 2024 participaron medio milleiro de estudantes de 28 centros das catro provincias e nesta edición tentarán “manter e mellorar un pouco estes números”, se ben o principal obxectivo “non está tanto nas cifras de participación, senón en que sexa una unha actividade que axude aos centros a preparar aos rapaces e rapazas para os retos de futuro, dende a ilusión e dende o enriquecemento dunha experiencia destas características”, salienta Fariña.
Máis protagonismo para o alumnado e os seus centros
Nesta edición, con motivo da celebración do X aniversario, buscan darlle máis prioridade e protagonismo ao alumnado participante e aos seus centros e por iso as principais novidades céntranse nos premios e nos recoñecementos. Para logralo contarán, por primeira vez, coa colaboración da AER Automation, a Asociación Española para la Robótica y la Automatización, que se une ao proxecto outorgando o premio STEAM ao centro que participe na competición cun maior número de estudantes nas diferentes categorías recollidas nas bases do concurso, de maneira que se recoñeza o seu labor na preparación das persoas máis novas para os retos do futuro. “Que esta asociación apoie o concurso dálle un valor engadido e aumenta o seu prestixio e a nós tamén nos dá máis folgos para seguir traballando”, considera Fariña.
Tamén se introduciron novidades na inscrición para animar e incentivar aos centros a que participen e poidan ver recoñecido o seu esforzo con algunha avantaxe coa adquisición de kits de robótica. Co prazo de inscrición aberto ata o vindeiro 10 de febreiro, as 25 primeiras inscricións recibirán de balde un tapete de robótica “segue liñas”. “Asemade, tamén haberá algúns sorteos entre os equipos participantes co obxecto de axudalos a dispor de material para o desenvolvemento de actividades nas aulas”, engade o director.
“Temos que apostar pola nosa canteira”
A Competición de Robots xurdiu na EEI como unha actividade coa que “tentar fomentar dende as bases o interese polas actividades STEAM nun momento, ademais, onde o futuro vai a estar vencellado á dixitalización e ao papel das novas tecnoloxías, sendo a robótica unha das que terá maior influencia”, explica o director da escola. “Como institución pública de educación superior, dentro do papel que marca o noso plan estratéxico, a nosa obriga é dar unha resposta a nosa contorna, a nosa sociedade, tentando de estimular á mocidade para que se preparen para os novos tempos”.
Vendo o vivido polos rapaces e as rapazas nas edicións anteriores, desde a escola consideran que calquera esforzo merece a pena. “Temos que apostar pola nosa canteira e ser quen de fomentar e estimular con accións que axuden a desenvolver as competencias dixitais e tamén aquelas outras máis transversais como o traballo en equipo e o aprendizaxe baseado en proxectos”.
Unha edición “especial”
Esta será para Fariña a primeira vez que viva a competición como director do centro, o que representa “unha gran responsabilidade”, na que estará acompañado “por un importante capital humano, sobre todo por parte do noso alumnado, que sempre se implica na organización do evento”, o que lle fai ser optimista e afrontar esta nova edición con moita ilusión e tranquilidade.
Para a escola o desenvolvemento deste concurso é, a xuízo do seu máximo responsable, un compromiso que non poden deixar de atender, máxime ante as achegas de ánimo e interese que lle amosan ano tras ano os centros participantes. “É un orgullo poder vivir agora en primeira persoa a organización da competición e amosar o meu agradecemento a toda a xente que vén traballando dende xa fai moito tempo para que esta edición sexa especial e responda ás expectativas e exixencias dos centros”, conclúe Fariña.