DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Sergio Vicente-Serrano ofreceu unha conferencia sobre esta cuestión na Facultade de Ciencias

A complexidade de cuantificar as secas, tema de análise no Campus da Auga

É un dos científicos españois que traballa na redacción do Sexto Informe do IPCC das Nacións Unidas

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI Ourense 19/11/2018

Sergio Vicente-Serrano, investigador do CSIC no grupo do Instituto Pirenaico de Ecoloxía en Zaragoza e un dos 17 científicos españois seleccionados para a redacción do Sexto Informe do IPCC (Panel Intergubernamental de Expertos en Cambio Climático) das Nacións Unidas achegouse este luns ao campus de Ourense-Campus da Auga para falar, no marco da preocupación polo cambio climático, da complexidade de cuantificar as secas no pasado, presente e futuro.

Pasado, presente e futuro

A súa intervención, organizada pola Grupo Ephyslab da Universidade de Vigo, produciuse no marco do Programa de Doutoramento da Auga pero polo seu interese científico e divulgativo estivo aberta á asistencia das persoas interesadas. A participación deste experto, considerado un dos investigadores de máis currículo no campo das ciencias da terra en España, estivo dividida en tres bloques. O primeiro deles centrouse na evapotranspiración e demanda de auga por parte da atmosfera, clarificando conceptos e mostrando as relacións entre ambas variables e explicando técnicas de medición e procesos de cambio identificados. A segunda parte centrouse na monitorización e índices de seca, incidindo na complexidade da cuantificación das secas, abordando unha explicación de diferentes metodoloxías baseadas en índices de seca e amosando os retos existentes para a monitorización das secas co obxectivo de desenvolver unha mellor alerta temperá e xestión do risco. Por último, o experto abordou os patróns de cambio e escenarios futuros das secas climáticas, amosando recentes resultados sobre a evolución das secas nas últimas décadas e as “notables incertezas” existentes en canto á evolución futura baseada en escenarios de cambio climático.

Múltiples dimensións

“Non temos un instrumento que poidamos pór no campo e que nos diga: temos seca. A seca non deixa de ser un fenómeno fundamentalmente determinado por impactos múltiples e diversos (agrícolas, ecolóxicos, socioeconómicos, hidrolóxicos, etc.) que produce”, comentou o investigador antes da súa intervención. O fenómeno da seca, advertiu Sergio Vicente-Serrano, “ten unha complexidade intrínseca relacionada coas condicións climáticas que o determinan”. Neste escenario, apuntou, “tratamos de focalizar esa cuantificación en termos climáticos e variables que teñen peso como a choiva e a demanda de auga por parte da atmosfera”, detallou sobre o obxectivo da súa conferencia no campus. Así, na súa intervención centrouse en explicar aspectos relacionados coa demanda de auga por parte da atmosfera, “que é un dos factores que menos se teñen en conta e que ten a súa importancia á hora de explicar as condicións da seca”.

No casos das secas, advertiu Sergio Vicente-Serrano, “existe moitísima incerteza, en primeiro lugar porque é un fenómeno que ten múltiples dimensións e en función de se estamos falando de aspectos hidrolóxicos, agrícolas, ambientais... podemos chegar a conclusións completamente distintas”. Ademais, engadiu, “en función das condicións climáticas que teñamos pois os efectos desas variables climáticas poden ser moi distintos”. Neste senso advertiu como “o que é válido a escala global de media ao mellor non é válido en ningún sitio” e incidiu como “é complicado asociar as diagnoses globais a lugares concretos”. Como exemplo, sinalou como nunha rexión húmida se hai unha elevada demanda de auga por parte da atmosfera pode favorecerse a vexetación pero nunha rexión seca esa demanda o que fai é incrementar as condicións de seca.

“O que está pasando, e aínda máis o que pode pasar, é un tema cientificamente a debate, polas incertezas que temos”, subliñou sobre as dificultades de análise e previsión no eido das secas. A mesma dificultade, apuntou, xorde ao facer unha abordaxe da evolución histórica das secas. “É un aspecto moi complexo para dar simplemente un xuízo de se se están incrementando ou non as secas”, advertiu sinalando as múltiples variables que interveñen. Así, apuntou como “se nos centramos exclusivamente nas precipitacións aprécianse moi poucos cambios nas últimas décadas” pero en cambio, subliñou, en determinados sistemas obsérvanse impactos asociados ás secas que parecen relacionados cun incremento desa demanda debido ao quecemento.  

Campus da Auga

Sergio Vicente-Serrano é un dos 17 científicos españois seleccionados para a redacción do Sexto Informe do IPCC (Panel Intergubernamental de Expertos en Cambio Climático) das Nacións Unidas, que está previsto se publique no ano 2021. Concretamente, traballa na redacción do capítulo once dedicado aos Eventos Extremos Meteorolóxicos e Climáticos nun Clima Cambiante. No seu paso polo campus de Ourense, onde colabora desde hai anos co Grupo Ephyslab, sobre o proxecto de especialización deste campus como Campus da Auga salientou como “na rexión mediterránea a auga é un dos temas clave”, un tema “moi sensible e supercomplexo nunha área moi crítica actualmente e para o futuro”, polo que destacou como “focalizar desde un punto de vista multidisciplinar a investigación nun tema como a auga desde diferentes vertentes é sempre positivo xa que é algo prioritario”.