DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O traballo do docente de CC Xurídicas céntrase no constitucionalismo global 

Unha comunicación de Ángel Aday Jiménez, seleccionada como a mellor no congreso da Asociación de Constitucionalistas de España

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 11/10/2018

O 16º congreso da Asociación de Constitucionalistas de España, celebrado en Malága, elixiu o traballo El constitucionalismo global: ¿neologismo necesario o mera cacofonía?, do docente e investigador do Departamento de Dereito Público da Universidade de Vigo Ángel Aday Jiménez, como a mellor comunicación das presentadas no simposio internacional, no que se deron cita preto de 400 investigadoras e investigadores. “A Asociación de Constitucionalistas Españoles é o foro máis relevante do que dispoñemos as persoas que nos dedicamos ao estudo e ensino do Dereito Constitucional en España”, explica Jiménez, que considera este recoñecemento como “unha constatación de que o traballo que realizo na Universidade de Vigo ten interese para os membros da miña disciplina”.

A elección da comunicación de Ángel Aday Jiménez como a mellor do congreso, que tamén recoñeceu un traballo de Luis Ignacio Gordillo da Universidad de Deusto sobre a reforma da Constitución en clave (ordo)liberal, implica ademais que a Asociación de Constitucionalistas de España insta o Centro de Estudios Políticos y Consitucionales para que ambas as dúas investigacións poidan ser publicadas nunha das súas revistas indexadas, incluídas en índices como JCR ou Scopus.

A análise dos efectos da globalización sobre o Estado Constitucional 

A comunicación do docente e investigador da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo aborda unha das perspectivas que máis éxito tivo á hora de analizar os efectos da globalización sobre o Estado Constitucional. “Na segunda metade do século XX desenvolveuse unha estrutura de gobernanza global que supuxo unha progresiva constitucionalización do Dereito Internacional e internacionalización do Dereito Constitucional”, explica Jiménez, que lembra que durante as tres últimas décadas, o termo de constitucionalismo global axudou a ordenar boa parte das propostas que intentan comprender e dar resposta a estas transformacións.

“Aínda que se trata dun ámbito de estudo xa maduro e que transcendeu aos espazos académicos, por exemplo: un voto particular na sentenza do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos no caso Al-Dulimi en 2016 fai referencia ao constitucionalimo global, apenas chamara a atención da doutrina española. O meu obxectivo con esta comunicación foi axudar a superar este déficit”, sinala Ángel Aday Jiménez.