DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O prazo de matrícula está aberto ata o xoves 7 de outubro

Comunicación, música, natureza e alimentación artellan as 11 propostas de obradoiros do 1º cuadrimestre

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Cultura
M. Del Río DUVI 01/10/2021

O inicio do curso non trae só clases e horas de estudo, senón tamén unha ampla oferta complementaria de actividades deportivas e culturais nos campus. Entre estas últimas están os tradicionais obradoiros, unha programación de cursos de entre 20 e 30 horas de duración sobre as temáticas máis diversas respondendo sempre ás demandas de formación da comunidade universitaria.

Para este primeiro cuadrimestre, a Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria lanza para o campus de Vigo un total de 11 obradoiros que xiran arredor da música, a comunicación nas súas diferentes expresións, o aproveitamento da contorna natural e a alimentación saudable. 

O prazo para matricularse nalgún dos obradoiros está aberto ata o vindeiro 7 de outubro a través de Campus Activo. Os prezos varían entre os 26€ para as persoas da comunidade universitaria da UVigo e os 40€ para o público en xeral. Ademais, o alumnado asistente poderá obter un crédito ECTS por cada 30 horas de formación. 

Comunicación e lingua

Un dos eixos temáticos da programación de obradoiros para este cuadrimestre é a comunicación. Por unha banda, ofértase o curso Comunícate coas mans II. Lingua e cultura da comunidade xorda, que se impartirá na Facultade de Filoloxía e Tradución. Para cursalo é preciso contar con coñecementos básicos de LSE e o obxectivo é afondar na análise da lingua de signos española, tanto dende a perspectiva comunicativa como da sociolingüística, posto que toda lingua se insire dentro dunha comunidade lingüística, coa súa cultura, a súa identidade e as súas características socio-educativas.

Outro dos obradoiros centrarase na oratoria e a comunicación para profesionais. Impartirase na Escola de Enxeñería Industrial e os participantes adquirirán coñecementos para dominar a arte da oratoria, mellorar a relación coa contorna profesional, aumentar a autoestima e o desenvolvemento persoal e desenvolver as aptitudes sociais para o éxito profesional e o traballo en equipo.

Aproveitamento da contorna natural 

A natureza e seu aproveitamento é outra das temáticas que adoitan estar presentar nesta programación. Por exemplo, impartirase un obradoiro básico de identificación de cogomelos na Facultade de Química que ten como obxectivo coñecer as técnicas e normativa galega sobre como apañar e transportar cogomelos e aprender a recoñecer as características principais dos cogomelos así como realizar identificación básicas dos mesmos e aprender a manexar ferramentas de identificación como guías e claves dicotómicas. Para aquelas persoas que xa contan con coñecementos sobre este eido, tamén se oferta un obradoiro de identificación pero de nivel avanzado, no que poderán perfeccionar a técnica, diferenciar estruturas microscópicas dos fungos, coñecer os reactivos que se empregan na identificación de cogomelos e os diferentes usos que se lle deron aos cogomelos ao longo da historia, como alimento, veleno, medicina, doméstico, etc.

Tampouco falta a esta cita o obradoiro de cosmética natural aproveitando a contorna, que se celebra no Centro Comercial de Cidade Universitaria e comprende tamén saídas de campo para identificar e apañar as plantas necesarias para a elaboración dos preparados. Faranse macerados, tinturas, xabóns cosméticos e para a limpeza do fogar, así como ungüentos, barras de labios, bálsamos, pastas de dentes, cremas hidratantes, e máis produtos relacionados coa hixiene persoal, tendo sempre en conta o respecto ao medio que nos rodea e utilizando ingredientes respectuosos con el e co propio corpo.

Relacionado tamén co aproveitamento da contorna natural e coa alimentación ofértase un curso de agricultura orgánica que se impartirá entre a Facultade de Ciencias do Mar e a horta que está detrás do Cinbio. O obxectivo deste obradoiro é axudar ás persoas asistentes a organizar a súa finca para conseguir un maior entendemento do funcionamento dunha horta, así como as relacións que nela se dan para poder acadar mellores resultados. As e os participantes achegaranse ao mundo da agricultura orgánica explorando diferentes metodoloxías e ferramentas que axuden a entender mellor o funcionamento das terras de cultivo. Este obradoiro complétase con outro no segundo cuadrimestre de carácter máis práctico. 

Recobrar a tradición do pan de formento

E elaboración de pan caseiro, que tanto se puxo de moda nos meses de confinamento, é outra das propostas para este primeiro cuadrimestre. Este obradoiro, que xa se tiña celebrado anteriormente e con moi boa aceptación, regresa co obxectivo de ensinar a elaborar pan de forma artesanal con “formento”, que é como se chama nas Rías Baixas ao fermento ou requento, e con fariñas sen residuos de funxicidas ou aditivos, recuperando a idea do pan como alimento básico de sempre. O obradoiro constará dunha parte teórica onde se falará dos diferentes cereais e pseudocereais, as súas propiedades, as avantaxas de empregar o formento en lugar do lévedo prensado de panadería, as diferentes fariñas, as propiedades nutritivas, etc. Tamén haberá unha parte practica de elaboración de pans dos diferentes cereais, pseudocereais e fariñas de plantas silvestres e landras.

Música e teatro

A música e o teatro nunca poden faltar na programación de obradoiros de Extensión Universitaria, con clásicos como a aula de teatro ou a de música e baile tradicional. No que se refire á primeira delas, este cuadrimestre desenvolverase o obradoiro de iniciación ao teatro, que dará paso tras o Nadal a outro para a posta en marcha dunha obra teatral. A Aula de música e baile galego, pola súa banda, comprende canto, percusión, gaita e baile tradicional galego adaptándose ás capacidades e coñecementos de cada alumnos e alumna. 

Outra aposta pola música é que ofrece o obradoiro Palabras máxicas: A vida secreta da canción de amor, unha aposta que se achega á historia, características e á práctica compositiva da canción de amor a través de sesións de carácter lúdico, práctico e tamén do percorrido pola historia do xénero. Por outra banda, busca afondar no coñecemento da relación existente entre a música folk, rock e pop e o discurso lírico, tomando como fío condutor o elemento amoroso nas cancións. 

Finalmente, a programación complétase co obradoiro básico de ukelele, no que os e as participantes coñecerán as partes do instrumento, a afinación e mecánica do instrumento, a linguaxe musical, os acordes, as tonalidade e escalas, etc. Para este curso, é preciso que cada persoa conte co seu propio instrumento.