DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Xornadas da UIMP en Forcarei

Comunicación e política no espazo europeo

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
DUVI DUVI 17/10/2007

Inaugúrase o I seminario “Europa ante o desafío da reordenación do sistema mediático: sistema político, actores e cidadáns no tránsito á Sociedade da Información e do Coñecemento”, organizado pola Universidade de Vigo e a Universidade de Santiago de Compostela dentro do programa de cursos da Universidad Menéndez Pelayo en Galicia. Teóricos internacionais de referencia reuniranse ata o sábado para analizar a evolución dos sistemas políticos e mediáticos europeos coa finalidade de elaborar propostas nas que se teñan en conta os intereses dos principais actores sociais e dos cidadáns galegos, españois e europeos.
Guiseppe Richeri, decano da facultade de Ciencias da Comunicación da Universitá Della Svizzera Italiana, abordou esta mañá os retos da comunicación desde unha perspectiva tecnolóxica. Xosé Luís Barreiro reflexiou en torno aos sistemas políticos e mediáticos no contorno globalizador, incidindo na “necesidade de estreitar as relacións entre información e poder para achegar os intereses públicos e intereses políticos, que non sempre coiciden”. A partir de aí, Jesús Timoteo, catedrático de Historia da Comunicación pola Universidad Complutense de Madrid, analizou as circunstancias que propiciaron o actual espazo de comunicación.
Unha vez rematou a sesión, o director dos cursos da UIMP en Galicia, Xosé Luís Barreiro, salientou a orientación académica das intervencións, confiando en que “estes días sirvan para reflexionar sobre política e comunicación e para enriquecer o traballo dos investigadores asistentes”.

Perspectivas de futuro

Xosé Rúas, profesor da facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación que forma parte do comité organizador, destacou a presenza de alumnos de doutoramento das Universidades de Vigo e Santiago, e espera “que esta iniciativa se manteña e sirva para potenciar o coñecemento compartido entre ambas institucións, favorecendo os estudos interdisciplinares dentro das Ciencias Sociais, pois ao final o máis importante é que os alumnos de terceiro ciclo que traballan no eido da comunicación aproveiten estes días para coñecerse e compartir inquedanzas”.